Cooperativa Rural Escolar Anexa á Escola Nacional de Nenos
Cooperativa escolar que funcionou en San Salvador de Budiño (O Porriño) entre os anos 1932 e 1936 da man do mestre Luís Carragal Peón. Segundo el mesmo recoñece -na memoria redactada en 1940 a propósito da experiencia- a iniciativa inspirouse en tres autores: Joaquín Costa, de quen aprendeu a necesidade de fomentar o amor ás árbores; M. Profit, de quen coñecía o seu libro sobre as cooperativas escolares, La cooperation scholaire Française (A cooperación escolar francesa, 1932); e José López Otero, quen dende a Escola Normal de Mestres de Pontevedra defendeu a necesidade dun ensino agrícola elemental e, sobre todo, a conveniencia de que cada escola dispuxese dun xardín escolar -ideas que chegou a materializar no seu libro Jardines Escolares-. A posta en práctica do pensamento de J. López Otero fixo que, no ano 1935, funcionasen xardíns escolares, polo menos en catro escolas: Fornelos (Salvaterra de Miño), San Salvador de Budiño, Portas e Guillarei. De todas elas, a de San Salvador de Budiño, baixo a dirección de Luís Carragal, foi a única que chegou a constituírse como cooperativa. En principio, o mestre elaborou un proxecto para tentar integrar a agricultura na escola; non obstante este proxecto inicial derivou deseguida na organización desta escola en réxime de cooperativa. Luís Carragal entendía que a escola rural debía prestar máis atención á agricultura, dado que a maior parte dos nenos que asistían a ela pertencían ao rural, e para os que non eran dese medio non estaría de máis aprender. A instrución agrícola escolar debería así contribuír á difusión dunha agricultura moderna e produtiva da que Galicia carecía, favorecendo ademais o asentamento da poboación no medio rural. O primeiro que tivo que facer para poñer en práctica as súas ideas foi acondicionar 0,87 ha de terra que rodeaban a escola -o lugar era coñecido polos veciños como A Raposeira-. O terreo era accidentado e de mala calidade, polo que houbo que achanzalo e aralo, labor no que participaron os alumnos. Unha vez preparada a terra, solicitaron plantas tanto ás institucións públicas coma privadas. A súa primeira idea era facer unha repoboación de árbores froiteiras. Ao longo dos seis anos que durou a experiencia, chegaron a plantar máis de 500 froiteiras, sobre todo, maceiras e pereiras, pero tamén cerdeiras, castiñeiros, nogueiras, marmeleiros, laranxeiras, limoeiros, etc. Parte da superficie arada -0,03 ha- dedicouse a horta escolar. Esta porción de terra repartiuse entre os rapaces; cada un deles recibiu unha pequena parcela de 1,6 m2, onde cultivaban diferentes produtos hortícolas: leitugas, pementos, amorodos, cenorias, repolos, xudías, remolachas, escarola, etc. Unha extensión meirande reservábase para outros cultivos, especialmente pataca, col e trevo. Como incentivo celebráronse dous concursos de cultivos. O primeiro foi en 1933 e limitouse ao cultivo de pataca. En 1934 estendeuse a outros produtos, como legumes e sandías. Os premios recollíanse da contribución dos particulares e entidades públicas e privadas, entre estas últimas cómpre destacar a sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, integrada por porriñeses residentes en Arxentina. Os trámites para a constitución de CREANN iniciáronse en 1932, aínda que non foi recoñecida oficialmente ata 1934. Formaban a cooperativa a maioría dos rapaces matriculados na escola, que adquirían a condición de socios ao mercar unha acción por valor de tres pesetas, aboable en prazos de quince céntimos mensuais. Os asociados tiñan dereito a se facer con sementes seleccionadas, plantas e adobos químicos a prezos especiais e mesmo a participar nos beneficios derivados da venda de produtos. Tamén se podían acoller aos descontos que algúns comerciantes facían aos membros da cooperativa. Ademais de actuar no ámbito agrícola, a CREANN tamén interviña no pecuario, representado pola apicultura e a avicultura. En 1934, o presidente da Cooperativa dirixiuse á Asociación General de Avicultores de España solicitando o ingreso na mesma. A petición foi aceptada e concedéronselle dous lotes de aves e parte do material necesario para instalar un galiñeiro. Con esta dotación e algúns premios doados por outras entidades, púxose en funcionamento unha pequena granxa avícola. Xunto coa avicultura introduciuse tamén a apicultura grazas á doazón de dúas colmeas que fixo a Deputación provincial. Non obstante , este primeiro intento apicultor fracasou porque os enxames non prosperaron; máis adiante adquiriron vinte trobos que si foron a adiante. O mel e todos os produtos avícolas, hortícolas e frutícolas eran envasados e vendidos. Mentres funcionou, a Cooperativa foi visitada por alumnos e mestres e mesmo por profesores da Escola Normal de Mestres de Pontevedra, entre eles Cruz Gallástegui e José López Otero. O ministerio de Traballo republicano outorgoulle un premio de 2.000 pesetas co que mercaron parte do material apícola e avícola. O ministerio de Instrución Pública contribuíu con 1.000 pesetas e a sociedade Fomento de Porriño y su Distrito recadou fondos para mercar un equipo de rega mecánica. Non obstante , os acontecementos de 1936 remataron con esta experiencia de renovación escolar.