copto -ta

copto -ta

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos coptos ou á lingua copta.

  2. s

    Individuo da comunidade copta.

  3. s m pl [ETN]

    Comunidade minoritaria de Exipto, caracterizada orixinariamente pola práctica do cristianismo monofisita, da que no ano 2001 pervivía un pequeno grupo. Os conquistadores musulmáns que chegaron a Exipto a comezos do s VII, designaron co nome de coptos á poboación exipcia, composta principalmente polos descendentes dos habitantes do antigo Exipto, xunto cos elementos de orixe grega e romana que se asentaron durante a Antigüidade. Maioritariamente practicaban o cristianismo monofisita, pero adoptaron lentamente a relixión musulmá e o termo pasou a denominar os cristiáns exipcios.

  4. s m [LING]

    Lingua camítica derivada do antigo exipcio. Posúe un alfabeto propio. Segundo os documentos escritos coñecidos, divídese en distintos dialectos, correspondentes ás diferentes rexións de Exipto: sahídico (Al-Sa‘id), akhmímico (Akhmīm), subakhmímico (Asyūt), faiyúmico (o Faium), todos eles do Alto Exipto, boháirico (Al-Buḥayra), no NL do delta do Nilo e nas rexións occidentais do Baixo Exipto. O sahídico é o máis puro lingüisticamente pero absorbeuno o boháirico que existe como lingua litúrxica da igrexa copta. Parece que o copto se mantivo como lingua viva no Alto Exipto ata o s XVI, pero desapareceu finalmente baixo a influencia do árabe. A comunidade cristiá copta fala árabe e o uso da lingua copta é unicamente ritual.

  5. alfabeto copto [ESCR]

    Alfabeto propio da lingua copta, que adoptou o alfabeto grego e mais algunhas letras deformadas da escritura demótica. Esta parcial coexistencia de dous sistemas alfabéticos comportaba que algúns sons se representasen indistintamente coa antiga letra demótica ou coa nova letra grega, e que algunhas letras gregas se empregasen exclusivamente en palabras de orixe grega. Por outra banda, algunhas letras gregas utilizáronse só como monogramas para representar abreviadamente dúas letras máis.

  6. arte copta [ARTE]

    Arte cristiá desenvolvida en Exipto entre os ss IV e VII. De orixe popular, naceu do sincretismo exipcio-romano e da constitución dunha igrexa unitaria e independente. As influencias sirias, bizantinas, mesopotámicas, persas e a pervivencia dos modelos da arte faraónica propiciaron a formación dunha linguaxe artística caracterizada polo decorativismo e a estilización das formas. O monofisismo deu orixe a unha iconografía relixiosa recollida, a miúdo, dos evanxeos apócrifos. Despois dun período de formación (ss IV-V), desenvolveuse o período copto propiamente dito (s V-VII). A arquitectura evolucionou dende unhas estruturas sinxelas, próximas ao templo exipcio, a un templo de planta basilical de tres ou máis naves con cabeceira tripartita, tomado da arquitectura paleocristiá. Destacan, entre outros, os centros monásticos de Sōhāg, Deir-el-Abyad (440?) e Deir-el-Ahmar (440?), a basílica de Henchir-el-Atench (s V?) e a igrexa de Der es Suhada. A partir dos ss XI-XII empregouse a bóveda de canón e os piares substituíron as columnas; ao mesmo tempo desenvolveuse un templo caracterizado pola proliferación de altares cubertos por cúpulas, ao xeito da basílica de Constantino. As invasións nubias e musulmanas provocaron que os mosteiros adquirisen unha forma fortificada. No eido das artes figurativas, o altorrelevo substituíu a escultura monumental, caracterizado polo aplanamento das formas, o esquematismo e a rixidez frontal. As decoracións de capiteis, pilastras e frisos evolucionou dende o naturalismo á estilización e repetición rítmica dos motivos, entre outros, froitos do Nilo como as granadas, arbustos espiñosos, follas triangulares e formas xeométricas combinadas con figuras antropomórficas e signos da cruz. Os temas dos relevos e da pintura derivan da mitoloxía pagá; mantivéronse algunhas das iconografías como Leda e o cisne, Venus e as bacantes e nereidas perseguidas por Pan, e outras transformáronse en personaxes do Antigo Testamento, como Daniel no foso dos leóns, do Novo Testamento, como Cristo e a Virxe, representáronse santos, como san Pacomio, e personificáronse as virtudes. Entre os s IV e V destacaron os retratos funerarios realizados coa técnica da encáustica sobre madeira ou con témpera sobre tea, que lembran os da época do Exipto grecorromano. Sobresaíu tamén a realización de tecidos: as túnicas eran moi amplas e decorábanse con orlas e medallóns bordados con bestas, anxos e decoración vexetal; e os tapices, tecidos ou bordados, mostran figuras de tipo bizantino, entre os que destacan o tapiz das Nereidas e o gran tapiz de Hestia. A talla en marfil ou en madeira caracterizouse pola abundante decoración e a utilización dunha paleta de cor variada. Na miniatura destacou a escola de Alexandría con características formais semellantes ás da pintura.

  7. igrexa copta [RELIX]

    Igrexa autóctona de Exipto, herdeira da tradición que tivo como centro Alexandría e constituída formalmente tralo Concilio de Calcedonia (451). Este, que destituíu o Patriarca Dióscoro e condenou o monofisismo, provocou a oposición e a ruptura con Constantinopla, aínda que unha fracción, denominada melquita ou realista, permaneceu fiel. A Igrexa copta ortodoxa ten uns 2 millóns de fieis. No s XVIII, algúns coptos uníronse a Roma e formaron a comunidade copta católica, que no ano 2001 tiña ao redor de 80.000 fieis, cun patriarca propio. Ten na súa historia unha forte tradición monástica.

  8. literatura copta [LIT]

    Os documentos coptos máis antigos que se coñecen son do s II a C: un grafito dun título real en Abidos, unha inscrición sobre unha pedra de Akhmmein, e un fragmento dun glosario bilingüe. Á parte desta expresión popular, o copto desenvolveu unha literatura propia coa expansión do cristianismo, pero pasando polo seu estadio gnóstico e maniqueo. Os primeiros escritos, propiamente cristiáns, orixinais coptos que se coñecen son escritos monásticos, como as cartas de santo Antonio (s III), as cartas e a regra de san Pacomio (s IV) e os textos litúrxicos de san Serapio de Thmuis (s IV). Un escritor relevante da época foi o abade Šenuti (348?-457), de quen se conservan regras, homilías e cartas. En prosa narrativa destacan textos haxiográficos e actas de mártires, a miúdo ampliacións literarias e piadosas de escritos orixinais gregos e siríacos. Cara ao s X houbo un renacemento da poesía en sahídico e consérvanse himnos pascuais e en honor da Virxe e dos santos. En conxunto, a produción copta orixinal é pequena; son moito máis importantes as traducións, principalmente da Biblia, dos apócrifos e dos Pais da Igrexa.

  9. música copta [MÚS]

    A arte musical da Igrexa copta presenta unhas melodías, dunha gran variedade e expresividade, que forman tres grandes agrupacións: litúrxicas, hímnicas e relixioso-folclóricas. As principais formas responsoriais son Mardd, Psali e Psalmos; das antifonais destacan as denominadas Vôhem, Paralex, Hôs e Theotokia. Entre os tons musicais sobresaen, entre outros, o Adam, o Bartos, o Kiyakhi do Advento e o tristeiro al-lahn al-ha-zaini da Paixón. É frecuente o uso de címbalos e sistros na igrexa.

  10. rito copto [RELIX]

    Forma da celebración do culto, propia da Igrexa copta que, xunto co rito etiópico, constitúe a familia litúrxica alexandrina, fronte á antioquense. Desenvolveuse de xeito autóctono en Exipto, en grego en Alexandría e en copto no interior. Despois da escisión entre ortodoxos e monofisitas, a raíz do Concilio de Calcedonia (451), permaneceu como propio da Igrexa copta e en lingua autóctona, mentres que a fracción que seguiu fiel a Constantinopla, a melquita, adoptou progresivamente o rito bizantino, en grego.

Palabras veciñas

coprostasia | coprosterina | copróxeno -na | copto -ta | Coptos | cópula | copulación