cópula

cópula

(< lat copŭla ‘unión’)

  1. s f [ZOOL]

    Contacto entre dous animais, relacionado coa sexualidade, no que interveñen os órganos ou estruturas sexuais. A maioría dos insectos realizan cópulas nas que o macho suxeita a femia desde unha posición superior, aínda que nalgúns insectos de tipos antigos, como os tisanuros, o macho simplemente abandona o espermatóforo no substrato e tece un fío para dirixir a femia ata el. Nalgúns casos, como nos coleópteros acuáticos, os machos poden presentar ventosas nas patas para adherirse ao esvaradizo corpo da femia. Entre os crustáceos existe unha ampla gama de modelos, dende a penetración a distancia dos percebes, á cópula frontal dos cangrexos. As arañas presentan os palpos dos machos transformados en órganos copuladores, que cargan co esperma que sae do poro xenital situado na cara ventral do abdome. Para isto, o macho tece unha arañeira seminal onde descarga un pouco de esperma que logo recolle coa estrutura copuladora; a cópula ten lugar ao introducir o macho os palpos no poro xenital da femia. No caso dos escorpións, o macho suxeita a femia polas pinzas, colócase enriba e abre a abertura xenital ata que o espermatóforo penetra no orificio feminino. Nos cefalópodos, a cópula ten lugar cando o macho introduce, cun brazo especializado, os paquetes de espermatozoides na cavidade do manto da femia. Nos vertebrados, a cópula aparece na súa historia evolutiva como unha adaptación á vida no medio terrestre, mentres que os animais acuáticos simplemente abandonan os gametos no medio, confiando en que o gran número deles que poden estar presentes na auga nun momento permita que se atopen, como no caso dos equinodermos, ou que a proximidade dos animais na solta dos óvulos e espermatozoides faga posible o encontro, como é o caso dos peixes ou de moitos anfibios. Os mamíferos e os réptiles presentan penes eréctiles para introducir os espermatozoides no interior do corpo da femia, mentres que no caso das aves este proceso se realiza mediante o simple contacto das cloacas.

  2. s f [LING]

    Elemento que ten como función conectar dous termos ou claúsulas sintacticamente análogas. As cópulas están constituídas polos verbos copulativos e por conxuncións.

  3. s f [MÚS]

    Pasaxe vocalizada amodo de organum que estaba presente no final de diferentes formas musicais dos ss XII e XIII. Consistía nunha serie de notas breves que unha das voces desenvolvía sobre a última nota do cantus firmus da composición polifónica.

Palabras veciñas

copróxeno -na | copto -ta | Coptos | cópula | copulación | copulador -ra | copulantes