Coral De Ruada
Agrupación coral fundada en 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias Abella, Xavier Prado Lameiro, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández González e Cesáreo Eire Santalla. Presentouse o 24 de xuño de 1919 no Teatro Apolo de Ourense e en 1924 en Madrid. O seu primeiro director foi Daniel González, con quen visitou América do Sur en 1931 e participou, xunto con outras agrupacións galegas, na Feira Internacional de Chicago e actuou posteriormente nas principais cidades de España e Portugal. Ao longo da súa historia estivo baixo a dirección de Isolino Canal Freire, Manuel de Dios Martínez, Bruno Fuentes Blanco, Javier L. Luque Jurado, José Mª González Álvarez e Juan J. Rumbao Requejo. Destacan, entre outras, as súas actuacións na clausura do I Curso de Música en Compostela, no Congreso Internacional do Frío de Santiago, no Festival Intercéltico de Lorient e nas sociedades galegas de Caracas e Maracay. Na realización dos decorados para o coro e cadro de declamación contou coa colaboración do escenógrafo Camilo Díaz Baliño. O seu cadro de declamación representou exclusivamente as pezas de Xabier Prado Lameiro, un repertorio de obras que estreou na súa totalidade, dentro do que se incluían Marzadas, Na corredoira e Luis de Castromouro (1919), Almas sinxelas, Estebiño, A retirada de Napoleón e O cego da Xestosa (1920), Tratos (1922), Os trasacordos de Mingos (1924), Un home de sorte (1926) ou Onde vai a Mansamina? (1929). A coral centrouse no labor de difusión do folclore galego, realizou diversas gravacións e recibiu, entre outros galardóns, a Placa de Ouro do Centro Galego de Bos Aires (1931), a Bandeira do Concello de Ourense (1954), a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (1984), Pedrón de Ouro (1990), a Medalla de Galicia na categoría de Bronce (1992), a Medalla de Ouro do Liceo Recreo Orensano (1994) e a Medalla de Ouro da Cidade de Ourense (1994).