Coral Polifónica Lestonnac
Agrupación coral formada por un grupo de pais de alumnas do colexio da Compañía de María de Cangas, coa colaboración de José Pena Collazo. Integrante da Federación Coral Galega (FECOGA), fixo a súa presentación en Lugo no ano 1974 co gallo da IV Asemblea de APAs dos colexios da Compañía de María. O seu repertorio abrangue obras do clasicismo, renacemento e música contemporánea, así como pezas populares galegas. Realizou numerosas actuacións en Galicia e fóra dela (Ponferrada, Mérida, Zaragoza, Girona, Barcelona, Avilés, Santillana del Mar, Canarias e Lisboa) e participou no Festival Intercéltico de Lorient e na Temporada XIII Musical, organizada pola Agrupación Musical Toledana. Da súa discografía destaca Homenaxe a Castelao (1986) e Polifonía en Cangas (1988). Entre outros galardóns, obtivo o II Premio Bimilenario de Lugo (1976).