Coral Polifónica Eumesa

Coral Polifónica Eumesa
[MÚS]

Agrupación de 35 voces mixtas fundada en febreiro de 1970 por iniciativa dun grupo de afeccionados. A súa presentación oficial foi o 19 de xuño no cine Eume cun grupo de 70 voces mixtas. O seu primeiro director e fundador foi Antonio Leira Díaz, dende 1970 ata 1980; posteriormente, substituíuno Antonio Illobre Toimil, dende 1980 ata 1982, ano no que volveu recoller a batuta o anterior director ata 1984. En 1985 debutou na dirección Xosé X. Paz Fernández, subdirector fundador, no Festival do XV Aniversario da coral, axudado polo director adxunto José de Paz Verdejo. Pertencente a FECOGA (Federación Coral Galega), no seu repertorio figuran obras de polifonía clásica, música galega, música sacra, ademais de panxoliñas e habaneras. Organizadora de tres certames corais anuais (en Semana Santa o Festival de Música Sacra; en xullo o Festival de Verán; e en novembro o Festival de Santa Icía), actuou tanto en Galicia coma fóra da comunidade (Madrid, Barcelona, León, Toledo, etc) e realizou diversos intercambios coralísticos. Participou, entre outros certames, no Festival Musical no VII Centenario da Vila de Pontedeume (1971), no II Certame Nacional de Corais (1972), no Festival de Masas Corais (1975), no I e II Certame de Panxoliñas de Fene (1985 e 1986), na II e V Romaría Coral Galega (1988 e 1991) e no II Festival da Canción Mariñeira de Neda (1999).