Coral Polifónica El Eco

Coral Polifónica El Eco
[MÚS]

Agrupación musical fundada e dirixida o 18 de decembro de 1881 por Pascual Veiga. No 2001 era o coro máis antigo dos que permanecían en activo en España. Baixo a dirección, entre outros mestres, de Xosé Castro Chané, Xosé Baldomir, Mauricio Farto, Rodrigo A. de Santiago, González de Velasco, Santiago Pérez Bernal, Maximino Zumalave, Rogelio Groba e Fernando V. Arias, saíron numerosas figuras da canción como Antonio Campó, Fernando Navarrete, María Uríz, Carmelo Parada, Fernando Balboa ou Pucho Boedo. No seu repertorio destacan zarzuelas, óperas e operetas, e entre outras obras estreou La Espadela, de Mauricio Farto; La canción de Zoraida e La noche de San Juan, de Rodrigo A. de Santiago; e Misa a 8 voces, de Pérez Bernal. Participou nos festivais de ópera da Coruña, Madrid, Oviedo e Vigo xunto a Renata Tebaldi, Alfredo Kraus, Franco Corelli, Mario del Mónaco, Carlo Bergonzi, Pedro Lavirgen ou Manuel Asensi. O 17 de xuño de 1987 tomou posesión a primeira xunta directiva presidida por Roberto Moskowich e dende 1989 dirixiuna Alejo Sanchis Mompó. Realizou diversas actuacións en Galicia e no estranxeiro, e participou, entre outros certames, no Festival de Habaneras de Torrevieja (1997), no Festival de la Canción Marinera de San Vicente de la Barquera (1998) e no XVI Certamen Coral Internacional Villa de Avilés (1999). En xaneiro de 1996 creouse a Escola Coral El Eco, formada por 65 nenos e nenas de 6 a 16 anos e dirixida por Pablo Carballido del Camino. É órgano oficial do concello da Coruña e posúe a Medalla de Prata da Cidade da Coruña e as Medallas de Ouro de París e Porto.