Cornide, casa-pazo de

Cornide, casa-pazo de

Construción nobre situada na praza da colexiata de Santa María, no núcleo histórico da Coruña. O ilustrado Xosé A. Cornide Saavedra naceu na casa que existía aquí antes da construción do pazo. O seu pai, Diego Cornide, demoleu a vivenda orixinaria para construír outra máis acorde coa fortuna que fixera tralo seu regreso de México, onde fora asesor do vicerrei, o marqués de Croix. O proxecto do edificio, do último terzo do s XVIII, debeuse ao enxeñeiro militar Francisco Llovet, quen deseñou un pazo señorial urbano de baixo e dúas alturas con notables referencias á arquitectura civil francesa. Destaca a súa fachada de cantería en granito rosáceo que se abre á praza a través dos numerosos vans e da balconada enreixada que percorre o primeiro andar. A nobreza da súa fachada mestúrase cunha concesión barroca á liña curva, presente nas cornixas, nas esquinas redondeadas do edificio e no remate do frontón central onde se sitúa o escudo de armas da familia.