Coronel
Liñaxe de xudeus segovianos que, unha vez convertidos ao cristianismo en 1492, adoptaron o apelido Coronel. Paulo Coronel (Segovia 1480 - 1534) foi teólogo e catedrático en Salamanca, e un dos autores da versión latina da Biblia políglota realizada por Cisneros. Fernán Pérez Coronel (Segovia? - 1493), co nome xudeu de Abraham Senior, foi rabino e financeiro. Ocupou durante moitos anos o cargo de arrendador maior dos impostos da Coroa de Castela e financiou, xunto con Ishaq Abravanel, a guerra de Granada. Foi bautizado solemnemente en Guadalupe con diversos membros da súa familia e apadriñado polos reis Isabel e Fernando, dos que recibiu unha hidalguía e un rexemento en Segovia. O seu fillo, Šĕlomó Senior adoptou o nome de Juan Pérez Coronel (?-1505). O seu irmán, Íñigo López Coronel (? - Osuna 1522) foi rexedor de Segovia, participou nas Comunidades de Castela e foi desterrado a Osuna. A súa filla María Coronel (?-1550?) casou co comuneiro Juan Bravo. Fernán Núñez Coronel (?-1494?), xenro de Fernán Pérez Coronel, co nome xudeu de Rabí Neir Melamed, foi rexedor de Segovia e arrendador das rendas reais.