coronel no tiene quien le escriba, El

coronel no tiene quien le escriba, El
[LIT]

Novela publicada por Gabriel García Márquez en 1961. Trátase, ante todo, dunha novela política que reflicte a realidade colombiana do momento: a violencia, a inxustiza e a opresión cotiás a través de alusións e detalles puntuais, nunca mediante a denuncia explícita. Presenta a existencia difícil dun coronel retirado, sumido na pobreza, marxinado por unha atmosfera política opresora e contraria á súa ideoloxía, e agoniado pola enfermidade da súa muller, coa que vive a última etapa do amor. Ex-combatente da Guerra dos Mil Días (1899-1902) no bando liberal, a súa vida redúcese desde entón á espera da carta, que non chegará nunca, que confirme a pensión prometida aos veteranos de guerra. A acción transcorre nunha vila tropical no norte de Colombia, ao longo de tres meses, aproximadamente entre outubro a decembro de 1956. Céntrase na tentativa do coronel de superar as dificultades económicas, gastando o escaso diñeiro que lle queda en adestrar un galo de pelexa propiedade do seu defunto fillo Agustín, morto a tiros por facer circular panfletos clandestinos sobre a situación política. A trama xirará ao redor do desacordo entre o coronel e a súa muller sobre o valor do galo. Mentres a muller, guiada por unha mentalidade máis realista, insiste na venda do galo, fonte de gastos, pero de beneficios incertos, o coronel aférrase á esperanza de gañar nos combates o diñeiro que necesitan e, ademais, ve nel o espírito do seu fillo e mesmo un símbolo de resistencia política. Deste xeito, a estratexia narrativa depende da interacción dos dous eixes principais: o motivo da carta e o do galo, que marcan a evolución do personaxe desde a espera pasiva da axuda estatal á loita e á oposición activa ao goberno, simbolizada na pelexa de galos. A última palabra da obra, mierda, ten unha interpretación ambigua: pode ser tanto unha indicación da improbabilidade de que o galo os axude na súa situación desesperada como a toma de conciencia ideolóxica definitiva. O estilo neutral da prosa sen ningunha énfase especial, apoiado nunha lingua directa, sobria e concisa, supón un aviso para o lector da estrañeza da rutina e convértese así nunha forma de denuncia.

Palabras veciñas

Coronel | Coronel | 1 coronel -la | coronel no tiene quien le escriba, El | Coronel Ortiz, Rafael | Coronel Oviedo | Coronel Urtecho, José