Corporación Bancaria de España
Sociedade anónima constituída pola Lei 25/1991, do 21 de novembro, pola que se establece unha nova organización das entidades de crédito de capital público estatal con consideración de entidade de crédito e estatuto de banco. Coñecida polo seu nome comercial (Argentaria), foi a cabeceira dun grupo que reuniu todas as entidades financeiras (bancos e entidades públicas de crédito) pertencentes ao Estado: Banco Exterior de España, Banco Hipotecario de España, Banco de Crédito Local de España, Banco de Crédito Agrícola e Caja Postal de Ahorros. Os primeiros anos do grupo, baixo a xestión de Francisco Luzón, que impuxo un modelo de banco federado, serviron para transformar as antigas entidades de crédito de capital público estatal e organismos autónomos en sociedades anónimas para iniciar o proceso de privatización en 1993. En 1998, baixo a presidencia de Francisco González, culminou o proceso de privatización que permitiu consolidalo como o terceiro banco na clasificación de entidades españolas cunha capitalización de 10.636 millóns de euros (1,769 billóns de pesetas). O 19 de outubro de 1999 fusionouse co Banco Bilbao Vizcaya (BBV) e deu lugar ao Banco Bilbao Vizcaya Argentaria (BBVA), copresidido por Emilio de Ybarra (BBV) e Francisco González, décimo sexta entidade financeira da zona euro por activos e primeiro grupo financeiro español.