Corporación Noroeste, SA
Grupo empresarial con sede en Vigo. A súa orixe está na empresa Cementos Noroeste, SA fundada en 1958 e que cambiou a súa denominación social en 1984. Os seus fundadores foron Arcadio Arienza Valcarce, Antonio Fernández López, Manuel Fernández López, Álvaro Gil Varela, Fidel Isla Couto e Isidro Parga Pondal. Trala construción (1959-1962) da fábrica de Oural (Lugo), en 1968 incorporouse a Sociedad Cementos Cosmos, SA, coa fábrica de Toral de los Vados (León) como activo principal. A partir de entón, constituíronse ou mercáronse empresas relacionadas co sector dos materiais de construción entre as que destacaron as destinadas á produción e distribución de formigón preparado. En 1984, o grupo ordenou os seus negocios nas sociedades Cementos Cosmos, SA, que agrupou as dúas fábricas de cementos, e Prebetong Galicia, SA, que articulou as sociedades de formigón. A finais dos anos 80 comezou unha diversificación dirixida ao sector alimentario e á acuicultura. En 1992, a práctica totalidade do capital social adquiriuno a compañía portuguesa Cimpor-Cimentos de Portugal, SA. Dende aquela, diminuíron os investimentos nas actividades non relacionadas co cemento e os seus derivados e aumentaron en Galicia, onde se combinou a construción tradicional coas novas tecnoloxías. No ano 2001 o grupo contaba con doce sociedades, a maioría en Galicia, cun importe neto da cifra de negocios de 153.943.087,39 euros.