corporativismo

corporativismo

(< corporativo)

s m [SOCIOL/ECON]

Doutrina e sistemas socioeconómicos baseados na constitución xerarquizada de asociacións profesionais (patronais e obreiras) para controlar os problemas económicos e laborais. Xurdiu en contra do individualismo do estado liberal e contra o sindicalismo de clases, inspirado nos gremios medievais e coa intención de evitar, coa intervención do Estado, a loita de clases. Promovido polo movemento social católico do s XIX (conde de Le Mun, La Tour du Pin e Ketteler, entre outros), reflectiuse nos documentos pontificios sobre a cuestión social, sobre todo de León XIII e Pío XI. Institucionalizouno o fascismo ao establecer unha correlación entre o estado fascista e o estado corporativo. No período de entreguerras desenvolveron esta tendencia Mussolini en Italia, Primo de Rivera en España e Dollfus en Austria. Trala Segunda Guerra Mundial, desenvolveuse en Portugal con Oliveira Salazar e nos primeiros quince anos da posguerra en España.