Corpus Christi

Corpus Christi
[RELIX]

Acto litúrxico da Igrexa Católica en honra de Cristo sacramentado. Consiste na consagración, adoración e exposición solemne do Corpo de Cristo, que despois sae en procesión fóra do templo. Tradicionalmente, celebrábase o xoves seguinte ao domingo da Santísima Trindade (60 días despois da Pascua), para conmemorar con solemnidade especial a Eucaristía. Non obstante , a súa supresión no calendario laboral en moitos países motivou que a celebración se trasladase ao domingo seguinte. Impulsada, sobre todo, por santa Xuliana de Liexa (1193-1255), a festa estableceuna Urbano IV en 1264 e universalizouna Xoán XXII en 1316. Co gallo da festividade do Corpus desenvolvéronse algunhas das manifestacións folclóricas máis peculiares de Galicia: en Redondela saen a coca e as penlas; en Allariz o protagonista é un boi que os mozos do lugar atan polos cornos e que fan parar diante das casas máis importantes, e uns bonecos de palla chamados Xan de Arzúa, pendurados dos balcóns, que lembran o creador do espectáculo do Boi do Corpus; en Xende (A Lama) no sábado e o domingo anteriores ao xoves de Corpus ten lugar unha procesión de ataúdes; en Ponteareas, como noutras moitas vilas (Ares, Bueu, Gondomar, Redondela ou Xunqueira de Ambía) elabórase un alfombrado de flores polas principais rúas, que motivou que a festa fose declarada de Interese Turístico Nacional; en Ourense, o Corpus é a data que marca a semana grande das súas festas. Tamén son dignas de mención as romarías e procesións que co gallo do Corpus se celebran na Baña, nos Ánxeles e Bastavales (Brión), Castrelo de Miño, Manzaneda, en Bemantes e Perbes (Miño), Ourol, Padrón, Pontecesures, Rábade, O Porto (Rubiá), Sante (Trabada), Vilaboa e, sobre todo, a que leva o Santísimo Sacramento polo redor da catedral de Lugo, pois á exposición permanente del na basílica da sé lucense réndelle tributo dende 1669 todo o Reino de Galicia. No plano artístico, a necesidade de realzar a exposición do Santísimo Sacramento propiciou o desenvolvemento da custodia, peza de ourivería na que os artistas empregaban todo o seu virtuosismo favorecidos pola disposición dos clientes a empregar os materiais máis luxosos para a súa elaboración, pois non existía maior dignidade que aquela á que estaba destinada.