corrente

corrente

(< lat currente)

  1. Movemento plástico e ideolóxico italiano de marcado carácter antifascista e contrario ao Novecento, que se orixinou en Milán e se espallou por toda Italia entre os anos 1938 e 1945. Xurdiu ao redor da publicación Vita giovanile, fundada en 1938 por Enrico Trecani, que cambiou o nome polo de Corrente di vita giovanile e, finalmente, por Corrente. Aínda que inicialmente o promoveron estudiantes universitarios, uníronse despois artistas plásticos, como Sassu, Birolli e Guttuso, cineastas (Lattuada), filósofos (Antonio Banfi) e homes de letras (Quasimodo). O seu ideario caracterizouse pola liberdade de expresión, que admitía todos os formalismos mentres estivesen ligados aos problemas da vida concreta e cotiá. En 1940 o goberno fascista confiscou a revista, sen embargo, os seus membros abriron a galería Bottega di Corrente e continuaron expoñendo ata o seu peche en 1943. Despois da guerra, algúns dos seus membros fundíronse coa Fronte Nuovo delle Arti.

  2. adx

    Aplícase á auga ou a calquera outro fluído que corre ou que está en movemento.

  3. adx

    Aplícase ao ano, mes, semana ou día actuais, en curso.

    Ex: Foi citado a declarar o día dez do mes corrente.

  4. adx
    1. Que non destaca por ningún trazo ou calidade especial.

      Ex: É unha persoa corrente, que pode pasar facilmente desapercibida. Enténdese moi ben porque emprega unha linguaxe corrente, sen tecnicismos ningúns. Mercou un traxe corrente.

      Sinónimos: común, normal.
    2. Que se sucede de forma habitual ou de forma reiterada.

      Ex: Durmir a sesta é un costume corrente nesta casa.

      Sinónimos: frecuente, habitual.
  5. adx [HERÁLD]

    Aplícase ao animal representado no escudo en acción de correr.

    1. s f [XEOG/METEOR]

      Masa fluída que se move continuamente nunha determinada dirección. Dentro dunha masa de aire, cando o movemento se produce en dirección horizontal, denomínase vento e, se ten dirección vertical, corrente de convección. As correntes que se producen dentro dunha masa líquida, como a auga, poden ser de distintos tipos: se a masa flúe sobre os continentes dun xeito máis ou menos continuado, será unha corrente fluvial ou río se é superficial, e subterránea se circula baixo a superficie. Pola contra, se forma parte das augas dun océano ou dun mar, chámase corrente mariña. Tamén se moven as grandes acumulacións de xeo que hai na superficie dos continentes, e que orixinan os glaciares.

    2. s f

      Movemento desta masa fluída.

      Ex: Pecha as fiestras que vai moita corrente.

    3. s f [FÍS]

      En física de partículas, movemento ou evolución dunha carga, no sentido xeral, no transcurso dunha interacción. Por exemplo, se esta interacción é a carga eléctrica e non hai intercambio de carga entre as partículas interactuantes, fálase de corrente neutra, e, se hai intercambio, fálase de corrente cargada.

    4. corrente citoplasmática [BIOL]

      Movemento direccional do citoplasma, no que participa o citoesqueleto, que contribúe ao transporte e distribución de distintas substancias no interior da célula.

    5. corrente de convección [XEOL]

      Corrente circular e converxente que se orixina nas capas profundas da Terra, causada polos gradientes de temperatura. Serían as responsables, se se atende á teoría da deriva continental, da separación das placas tectónicas, con saída ao exterior de material profundo, como acontece nas dorsais oceánicas.

    6. corrente mariña [XEOG]

      Movemento dunha masa de auga do mar nunha dirección determinada. As correntes mariñas prodúcense polo efecto conxunto de moitos factores, dos que se poden destacar como os máis importantes a acción do vento, a das mareas e as diferencias de densidade das distintas masas de auga. A acción das mareas ten un carácter periódico e está influída por diversas circunstancias; isto fai que a oscilación varíe moito segundo o tramo concreto de costa que se considere. As correntes orixinadas por diferencias de densidade, denominadas tamén correntes de gradiente, poden producirse polas causas que fan variar esta densidade: a temperatura e a salinidade. Nun principio e, se só inflúe a temperatura, as masas de auga máis cálidas circulan pola superficie, e as máis frías polo fondo. Cando tamén existen variacións de salinidade o problema é máis complexo; deste xeito, a auga máis salgada e, polo tanto, máis densa, tende a circular por baixo da menos salgada, que é algo máis lixeira, tal e como acontece no estreito de Xibraltar. Pero a auga máis quente adoita ser tamén a máis salgada, polo que cada situación se resolve atendendo aos condicionantes concretos, sen que exista unha regra xeral válida para todas as situacións. O vento orixina correntes denominadas de deriva, que en principio son superficiais, pero que poden actuar en profundidade seguindo a espiral de Ekman. As principais e mellor coñecidas son as correntes norecuatoriais e sudecuatoriais, no Atlántico e no Pacífico, relacionadas ambas as dúas cos ventos alisios.

  6. s f [FÍS]

    Intensidade dunha corrente eléctrica.

  7. s f

    Termo do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros, que corresponde ás voces ‘cadea’ e ‘aceite’.

  8. s f

    Actividade ou tendencia intelectual, ideolóxica ou estética que leva unha determinada dirección e que corresponde a un momento determinado.

    Ex: O seu relatorio seguiu a corrente marxista-leninista. As correntes vangardistas na literatura xa pasaron de moda.

  9. auga corrente

    Auga que se distribúe por medio dunha rede de tubos para abastecer o consumo nas vivendas.

  10. conta corrente [ECON]

    conta corrente.

  11. corrente de datos [INFORM]

    Formato de transmisión de datos empregado por algunhas aplicacións para enviar datos a grandes velocidades, tales como as que se necesitan para emitir vídeo pola Internet en tempo real.

  12. corrente de tránsito [COMUN]

    Conxunto de vehículos que se desprazan nun mesmo sentido por unha ou máis vías.

  13. s f [FÍS]

    Movemento de cargas eléctricas nun medio ou ao longo dun circuíto. Convencionalmente, acéptase como sentido da corrente o oposto ao da electricidade negativa, é dicir, ao do movemento dos electróns. A magnitude que expresa o valor dunha corrente eléctrica é a intensidade (chamada tamén corrente), que ten como unidade de medida o ampere. Segundo a súa dependencia co tempo, a corrente pode ser continua ou variable e, neste caso, periódica ou aperiódica. O tipo de corrente periódica máis empregado é a corrente alterna, xeralmente sinusoidal, se ben, ás veces, utilízanse tamén correntes con ondas de forma cadrada, en dente de serra, de impulsos, etc. Distínguese entre corrente de condución, de convección, de polarización e de desprazamento, segundo a súa natureza; en canto á súa orixe, as correntes poden ser fotoeléctricas, termoeléctricas, electroquímicas, magnetoeléctricas, etc. No caso da corrente alterna sinusoidal, a corrente pode ser resistiva, indutiva ou capacitiva, e consta de dous compoñentes: corrente activa e reactiva, en fase e en cadrado coa tensión, respectivamente. A corrente alterna (AC) é aquela na que a magnitude cambia no tempo. Nunha corrente alterna periódica tanto a intensidade como a tensión varían dunha forma repetida en función do tempo, de xeito que se volven reproducir sucesivamente a cada momento τ. O número de períodos que teñen lugar por unidade de tempo recibe o nome de frecuencia e o número de períodos que entran en 2π é a pulsación. Cada unha das porcións de ciclo da mesma polaridade é unha alternancia. O valor máximo positivo ou negativo nunha alternancia denomínase amplitude ou valor de crista. Chámase intensidade eficaz dunha corrente a aquel valor da intensidade de corrente continua que liberaría nunha mesma resistencia a mesma cantidade de calor durante o mesmo intervalo de tempo. A tensión eficaz defínese dun xeito análogo. O valor medio dunha tensión ou dunha intensidade é o valor medio de todos os valores instantáneos dunha alternancia. O cociente entre os valores eficaz e medio denomínase factor de forma, que nunha corrente alterna sinusoidal vale 1,11. A relación entre o valor máximo ou amplitude e o valor eficaz é o factor de amplitude, que, nunha corrente alterna sinusoidal, vale 1,41. A potencia dunha corrente alterna é igual ao produto dos valores eficaces de tensión e de intensidade para un certo factor, chamado factor de potencia. O produto do valor eficaz da tensión e a intensidade denomínase potencia aparente e é sempre maior ca a potencia real W (ou cando menos igual), pois o factor de potencia é sempre igual ou inferior á unidade. Industrialmente, tamén ten importancia a potencia reactiva. A corrente continua (DC) sempre ten o mesmo sentido e a súa intensidade é tamén constante, ou ben varía moi lixeiramente ao redor dun valor fixo formando unha pequena ondulación. Os xeradores electroquímicos (pilas, baterías, etc) e as dínamos son os principais xeradores de corrente continua. Para transformar a corrente alterna en continua empréganse os convertedores ou, máis correntemente, os rectificadores. Para as redes de distribución de enerxía eléctrica emprégase exclusivamente a corrente alterna; mentres que a corrente continua ten uso en casos especiais e particulares, como a electrólise, a tracción eléctrica e os circuítos eléctricos.

Frases feitas

  • Contra corrente. Pensar ou querer facer as cousas de maneira contraria ás ideas ou costumes usuais ou admitidos. Ex: Traballou só e contra corrente pero conseguiu os obxectivos propostos.

  • Ó corrente (de). Estar informado dalgunha cousa. Ex: Cómpre ser prudente, porque o xefe está ao corrente de canto pasa na oficina. Xa me puxo ao corrente de todos os rumores que corrían pola cidade.

  • Ó corrente. Ó día, actualizado, sen atraso. Ex: Puxen as contas de aforro ao corrente. Leva ao corrente os seus negocios.

Palabras veciñas

Correns, Karl Erich | correnta | correntada | corrente | corrente | Corrente | correntear