Correo Español-El Pueblo Vasco, El

Correo Español-El Pueblo Vasco, El
[PUBLIC]

Xornal refundado en 1936 a partir da súa cabeceira orixinal, El Pueblo Vasco, no momento no que sufriu a súa incautación por parte do exército franquista. A partir de 1938 engadíuselle o subtítulo de “Diario de la FET y las JONS”, ata que na década dos corenta perdeu esta segunda denominación e mantivo a cabeceira actual. Pertence ao Grupo Correo de comunicación. Inicialmente, baixo a dirección de Juan de la Cruz Elizondo, apareceu como un xornal de opinión, ata que en 1952, co impulso de Lorenzo Mateos e Luis Bergareche, desenvolveu un carácter máis informativo, cun incremento no número de noticias. En 1949 saíu do prelo a edición de Vitoria e, á par, profundizou na súa modernización tecnolóxica que afectou a todas as seccións do periódico; de feito, foi un dos primeiros en contar cun servizo de télex e utilizar a fotografía panorámica. A dirección de Alejandro Echevarría no período 1951-1960 confirmou a súa renovación. Nos anos setenta, a información de Manuel Leguineche sobre o conflito de Vietnam e o traballo cotián de destacados xornalistas como Apostua, Areilza e Madariaga, convertérono na cabeza dun dos grupos xornalísticos máis destacados da prensa española. Posteriormente, cambiou a súa cabeceira e pasou a denominarse El Correo. En setembro do 2001, o Grupo Correo e Prensa Española fusionáronse para dar paso a un dos maiores grupos de comunicación de España.