Correo Gallego, El
Xornal fundado o 1 de agosto de 1878 en Ferrol, e, xunto con O Correo Galego, ambos pertencentes á empresa Editorial Compostela SA, son os únicos diarios que se editan en Santiago de Compostela. Fundado por José María Abizanda y San Martín, o seu primeiro director foi Victorino Novo García. Dende 1912 e durante vinte e seis anos, a familia Barcón xestionou o xornal. O 18 de xuño de 1938 constituíuse en Santiago de Compostela a sociedade anónima Editorial Compostela, impulsada por Juan Sáenz-Díez García e Juan de la Riva Barba. En outubro dese ano, Rafael Barcón Orta traspasoulle o xornal á editorial e pasou a imprimirse en Santiago de Compostela co título de El Correo Gallego y El Eco de Santiago, cunha cabeceira que correspondía a outro xornal fundado nesa cidade en 1896. O 15 de outubro de 1945, a editorial Compostela adquiriu tamén o diario El Compostelano, que se editaba na capital galega dende 1920. Continuaron saíndo conxuntamente, El Correo Gallego á mañá, e El Compostelano á tarde. A experiencia durou ata o 30 de xaneiro de 1946, cando El Compostelano deixou de publicarse e, ao día seguinte, comezaba a súa andaina La Noche, co subtítulo de “Único diario de la tarde en Galicia”. Ata 1967, a editorial Compostela foi a única empresa xornalística galega que tiraba do prelo dous periódicos diariamente. La Noche converteuse, durante a súa existencia, no referente cultural de Galicia, ata o punto de dar nome a unha destacada xeración literaria. En 1964, Feliciano Barrera Fernández entrou a formar parte do consello de administración da editorial Compostela, logo conselleiro-delegado e presidente da Junta de Fundadores, cargo que compatibiliza co de editor. O 1 de decembro de 1967 fusionáronse ambos os xornais. Ao longo dos seus máis de cen anos de existencia, El Correo Gallego tivo vinte e tres directores, entre os que figuran destacadas personalidades como Roberto Blanco Torres, Ramón Villar Ponte, Xaime Quintanilla, Raimundo García Domínguez Borobó, Luís Ramón Acuña Sánchez, Gerardo González Martín e José Manuel Rey Nóvoa. Na abundante nómina de colaboradores figuran importantes creadores da cultura e da literatura de Galicia, entre outros, Curros Enríquez, Alfredo Brañas, Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente, Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, J. M. Castroviejo, Otero Pedrayo, Manuel Fraga, Domingo García Sabell, Méndez Ferrín, Arcadio López-Casanova, S. Martínez Risco, Salvador García Bodaño, Manuel María, Uxío Novoneyra, Camilo J. Cela e Xulio Camba. Este periódico, diario decano de Galicia e quinto máis antigo de España, é o terceiro en difusión da decena de xornais que se editan en Galicia e o segundo en distribución xeográfica provincial. Segundo o Estudio General de Audiencias (EGA) do ano 1993 a súa audiencia ascende a 146.000 lectores diarios. Distribúese a través de 2.130 puntos de venda en Galicia, e tamén en Madrid e Barcelona, amais doutras cidades españolas. A partir de xaneiro de 1994 apoiou a creación de O Correo Galego, o primeiro periódico en lingua galega. Trátase, tamén, do único xornal de Galicia que edita anualmente un Ránking de Empresas, un Anuario, unha Agenda de Comunicación e unha Guía Municipal de Galicia. Realizou diversas promocións, como a “Biblioteca 114”, unha colección de 114 libros que incluían as obras máis representativas das letras galegas, “Fonoteca 92”, unha serie de 92 casetes con música, tradicións populares, teatro e humor, e “Gallegos: Quién es quien en la Galicia de los 90”, onde se agrupaban máis de 5.000 biografías de persoeiros galegos. Na súa sección de publicacións creou un fondo editorial no que incluíu, entre outros, Historias de Compostela, de Diego Bernal, Poemas de Compostela, de Manuel María, La Mesa del Chef Rivera, de Guillermo Campos e José A. Rivera, e Escrito en Compostela, de Anxo Tarrío. El Correo Gallego é impulsor e organizador dunha serie de actos, como os premios Gallegos del Año e Gallegos del Mes, os Premios Compostela de Teatro ou o Foro del Pensamiento Europeo. Entre os galardóns que recibiu o xornal destacan o Premio Ortega y Gasset de periodismo, outorgado polo diario El País, o Reina Sofía sobre drogodependencias, o Premio da Crítica Galicia e o Premio Galicia de Comunicación. A partir do 1 de xuño de 2001, en virtude dun acordo pioneiro en Europa asinado co diario de tiraxe nacional El Mundo, pasaron a repartirse conxuntamente en Galicia cun único prezo.