Correo Gallego y el Eco de Santiago, El

Correo Gallego y el Eco de Santiago, El
[PUBLIC]

Xornal que apareceu en 1938 en Ferrol e Santiago de Compostela. Tivo varios subtítulos, entre eles, “Diario de Información General”, “Decano de la prensa provincial”, “Diario de la mañana-Decano de la prensa provincial” e “El Correo Gallego. Diario de La Noche. Decano de la prensa regional”. Foron os seus directores Fernando Pérez Barreiro, José Vidal Ibarra, Miguel Ramón Pola, Fernando Leal Insua, Ramón Luís Acuña Sánchez, Gerardo González Martín, Rodrigo Varela Rodríguez e Xoán María Gallego Tato. Esta publicación diaria tivo unha saída regular agás no período da Guerra Civil. Cando saíu á luz como continuación de El Eco de Santiago seguía unha liña política achegada ao réxime franquista; nos anos 50 definiuse como católico-conservador, ata que a partir de 1969 se produciu unha apertura ao galego coa inclusión de poemas de Salvador García Bodaño, Xohana Torres, Antón Tovar, X. L. Franco Grande e prosas de Otero Pedrayo e R. Carballo Calero. Dende o número 23.346, no ano 1967, pasou a chamarse El Correo Gallego. Figuran entre os seus colaboradores Camilo Barcia Trelles, Sofía Casanova, Xesús Carro García, Antón Fraguas, Suárez Senantes Panurgo, X. Ferro Couselo, José Rey F. Alvite e Juan José Moralejo Álvarez.