Coruña, provincia da
Circunscrición administrativa de España, unha das catro nas que se divide a Comunidade Autónoma de Galicia, situada no seu cuadrante NO. Integrada por 94 concellos (2001) agrupados en 18 comarcas (A Coruña, A Ferrolterra, Terra de Santiago, Arzúa, Barbanza, A Barcala, Bergantiños, Betanzos, Eume, Fisterra, Muros, Noia, Ordes, Ortegal, O Sar, Terra de Melide, Terra de Soneira e Xallas), abrangue unha superficie de 7.942,8 km2,nos que acolle unha poboación de 1.110.302 h (1996). A súa capital é A Coruña. Eclesiasticamente, o seu territorio repártese entre as dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Lugo.
Orixe e delimitación da demarcación
Aínda que a cidade da Coruña conseguiu no final do Antigo Réxime converterse en capital dunha das provincias do Reino de Galicia, o primeiro precedente que se pode considerar é a prefectura proxectada polo goberno do Rei Xosé I Bonaparte, que coincidía en gran medida coa actual demarcación. Non obstante , non foi ata o 27 de xaneiro de 1822, coa promulgación dun Real Decreto, cando se constituíu a nova provincia da Coruña, que incluía territorios das antigas provincias de Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo e Santiago. Esta última cidade, tradicional centro do poder en Galicia, quedou dende aquela relegada a un segundo plano e excluída da condición capitalina polo seu carácter de núcleo abertamente absolutista, cunha sociedade dominada pola influencia clerical, protagonizada polo cabido e o arcebispo da sé apostólica; coa nova provincia, concibida como un instrumento de organización do Estado baixo unha ideoloxía liberal centralista e uniformizadora, o goberno preferiu premiar A Coruña, activo centro liberal e histórica cidade de reguengo oposta tradicionalmente ao poder arcebispal. Non obstante , en novembro de 1823 o Rei Fernando VII, co apoio dun exército expedicionario francés dirixido polo duque de Angulema (os Cen Mil Fillos de San Luís), decretou a derrogación da Constitución e a restauración do Antigo Réxime, co que se suprimiu a nova administración provincial. O 30 de novembro de 1833, tras un novo cambio de réxime propiciado polo pasamento do Rei Fernando VII, estableceuse definitivamente a provincia da Coruña, sen que dende entón se teñan producido alteracións dos seus límites: determinados ao S polo cauce do río Ulla, e ao L, polo conxunto de serras da Dorsal Occidental Galega (serra da Coriscada, serra da Faladoira, serra da Loba, cordal de Montouto, serra da Cova da Serpe e serra do Careón), dende Estaca de Bares e a Ría do Barqueiro, ao N.
Xeografía física
A provincia da Coruña, situada no cuadrante noroccidental da Comunidade Autónoma de Galicia, posúe unha relativa homoxeneidade climática, pois a maior parte das súas comarcas están baixo os dominios oceánicos húmido e hiperhúmido; tan só no sector máis oriental, nas elevacións que lle serven de límite, se poden observar trazos que indican unha transición cara a réximes climáticos máis continentalizados; con todo, sempre incluídos no espectro dos climas oceánicos. Ao S de Fisterra, ata a Ría de Arousa, localízase a área de maiores precipitacións, que se corresponden cun litoral orientado aos fluxos procedentes do SO. Esta área de intensa pluviometría (entre 1.500 e 1.900 mm de media anual, aínda que na península do Barbanza se superan incluso eses rexistros) esténdese cara ao interior ata a orla montañosa que delimita a provincia polo L, mentres que polo N queda unha estreita banda litoral (duns 30 km), afectada por fluxos do N menos frecuentes, feito que redunda en precipitacións moito menores (entre 900 e 1.500 mm). No tocante ao réxime térmico, as matizacións responden fundamentalmente á altitude media e á orientación. Así, a estreita faixa litoral rexistra temperaturas medias anuais superiores ás do interior, constituído nunha penechaira elevada a uns 400 metros de altitude. Se en toda a costa se acadan temperaturas medias anuais entre os 13°C e os 14°C (en Fisterra e na beira meridional da península do Barbanza son superiores), no interior quedan establecidas entre os 12°C e os 13°C, mentres que no L, nas serras da Dorsal Occidental Galega, descenden incluso por baixo dos 10°C. O litoral divídese en dous sectores principais, as Rías Baixas e as Rías Altas. O primeiro, que abrangue as rías de Arousa, Muros e Noia, pódese estender ata Fisterra; deste xeito, incluiría a costa de Carnota e as rías de Ézaro e Corcubión. A partir de Fisterra comezan as Rías Altas, que inclúen a Costa da Morte, o Golfo Ártabro e os acantilados e rías do Ortegal (Cedeira e Santa Marta de Ortigueira). Neste segundo sector están o punto máis setentrional (Estaca de Bares) e máis occidental (Cabo Touriñán) da Península Ibérica. Xeoloxicamente, o territorio que constitúe esta provincia é na súa maior parte precámbrico; tan só no extremo NL hai terreos paleozoicos, do Cámbrico e do Silúrico. Ademais, depósitos sedimentarios terciarios e cuaternarios (arxilas, lignitos, areas e conglomerados) cobren concas de pequena extensión. Litoloxicamente, predominan as rochas ígneas e as metamórficas. Unha intensa actividade tectónica deformou todo o conxunto orixinal e deu orixe a unha aparente complexidade causada pola alternancia de bandas de distintos materiais. A rede fluvial céntrase nos grandes colectores que verten ao Océano Atlántico, polo xeral cun curso de dirección L-O (entre eles destacan o Río Grande de Xubia, o Eume, o Lambre, o Mandeo, o Mero, o Anllóns, o Grande, o Xallas, o Tambre e o Ulla); entre os ríos que desembocan no Mar Cantábrico e teñen unha dirección S-N, tan só é salientable o Mera, que desemboca na ría de Santa Marta de Ortigueira.
Xeografía humana
No interior da provincia da Coruña pódense apreciar grandes contrastes territoriais e demográficos, pois, xunto a áreas intensamente urbanizadas, como o litoral do Golfo Ártabro ou a área de Santiago de Compostela, están os espacios rurais con densidades de poboación moi inferiores á media provincial (139 h/km2). Así, tres grandes cidades -A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela- xerarquizan a rede de asentamentos na provincia; nas súas comarcas rexístranse as maiores densidades, con 739, 267 e 205 h/km2, respectivamente. Todas elas deben a súa preponderancia á condición de capitalidade de diversas demarcacións: A Coruña é capital da provincia e como tal acolle as delegacións da administración central, así como os servicios principais da deputación provincial; Ferrol engadiu á súa secular condición de capital militar do Departamento Marítimo do Cantábrico (1749) a de sé da diocese de Mondoñedo-Ferrol (1959); Santiago de Compostela, á parte de ser dende 1104 a sé arcebispal de Galicia, asumiu en 1981 a capitalidade da Comunidade Autónoma. Detrás delas sitúanse unha serie de áreas suburbanas, sempre en localizacións litorais, que concentran tamén elevados continxentes demográficos. Entre elas destaca a comarca do Barbanza, que conta cunha rede de asentamentos policéntrica (a vila de Santa Uxía de Ribeira ten unha lixeira preponderancia sobre Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo). Pola contra, algunhas comarcas máis interiores (Arzúa, Terra de Melide, Ordes) e aquelas comarcas litorais peor comunicadas (Ortegal, Xallas, Eume) posúen densidades inferiores a un terzo da media provincial. Estes contrastes maniféstanse tamén no comportamento vexetativo. O crecemento natural só foi positivo (1996) nalgúns concellos do Barbanza (Rianxo e Ribeira) e das áreas urbanas da Coruña (Arteixo e Culleredo) e Santiago de Compostela (Ames, Oroso e Santiago de Compostela). Incluso os concellos da Coruña e Ferrol experimentaron crecementos naturais negativos que, ao non seren compensados por fluxos inmigratorios, redundaron en lixeiras perdas de poboación. A inmigración, pola contra, provocou o crecemento dos concellos periurbanos, como Ames, Ares, Arteixo, Bergondo, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Miño, Oleiros, Oroso, Pontedeume, Sada, Teo e Valdoviño. Tamén medran, aínda que en menor proporción, algúns concellos cabeceira de comarca, como Carballo e Noia.
Xeografía económica
A inclusión nesta demarcación de tres grandes centros urbanos contribúe a que se configure en termos globais como unha das máis dinámicas de Galicia. O efecto positivo da prosperidade desas economías locais irrádiase ao longo das súas áreas periféricas e das vías de comunicación que as conectan entre si. Non obstante , débese deixar constancia dos grandes contrastes intraprovinciais, pois xunto a estas áreas economicamente prósperas aparecen áreas moi deprimidas, afastadas dos grandes núcleos, caracterizadas por unha dotación deficiente de servicios e infraestruturas de comunicación, tanto en localizacións interiores coma litorais. O sector agropecuario é fundamental nas comarcas máis occidentais e sudorientais (Arzúa, A Barcala, Ordes, Terra de Melide, Terra de Soneira e Xallas), e destaca especialmente a gandería bovina, sobre todo a de orientación láctea. Nas comarcas costeiras (Barbanza, Noia, Muros, Fisterra e Bergantiños) a pesca é un dos principais recursos: o propio porto da capital provincial é un dos máis importantes de Europa e os de Ribeira, Muros, Malpica de Bergantiños ou Cedeira acollen flotas numerosas. As actividades industriais concéntranse en especial nos hinterlands da Coruña (refinería de petróleo, industrias químicas, de armamento, etc), Ferrol (estaleiros) e, en menor medida, Santiago de Compostela. As actividades mineiras teñen o seu maior expoñente nas Pontes de García Rodríguez. O sector servicios está máis desenvolvido na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol; aínda así, hai cabeceiras comarcais, como Arzúa, Betanzos, Carballo, Corcubión, Melide, Muros, Noia, Ordes, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez ou Ribeira, que responden ás necesidades de gran parte da poboación. O sector turístico goza de produtos moi diversificados: aos atractivos culturais, monumentais e gastronómicos de Santiago de Compostela e A Coruña, engádense os areais que se estenden pola maior parte da costa e que reciben unha grande afluencia de bañistas nos meses do verán. Ademais, diversas áreas de interese natural e paisaxístico favorecen o crecemento do turismo rural.