Coruña, porto da

Coruña, porto da

Porto da beira occidental da ría da Coruña, no litoral do concello homónimo. As instalacións portuarias esténdense pola costa S da península e pola beira oriental do istmo, e polo S ata Oza, na entrada da ría do Burgo, nunha localización que se encontra ao abrigo dos ventos do O e SO e que lle proporciona unhas características naturais óptimas para a atracada de buques. O dique Barrié de la Maza, ao S da enseada dos Pelamios, constitúe o extremo setentrional do porto, que ata a súa construción quedaba no castelo de Santo Antón: entre estes dous puntos situáronse as instalacións destinadas ás embarcacións deportivas. Outros peiraos acollen, ademais, unha importante flota pesqueira que converte a cidade da Coruña nunha das lonxas de Europa que negocia maior cantidade de peixe fresco (as capturas descargadas en 1999 cifráronse en 46.304 toneladas). A súa actividade comercial tamén é moi destacada: a relacionada coa refinería de petróleo representa a maior porcentaxe do tráfico portuario, aproximadamente o 61% do volume total de mercadorías descargado en 1999, que ascendeu a 12.121.982 toneladas; delas, máis da terceira parte corresponderon a cru de petróleo (4.831.399 toneladas). Coa construción do peirao de transatlánticos, A Coruña incrementou a súa cota no mercado dos grandes cruceiros turísticos, dos que se converteu en escala habitual. A súa xestión é competencia da Autoridade Portuaria da Coruña, organismo autónomo dependente de Puertos del Estado, pois está incluído entre os portos de interese estatal.