Costa Rica

Costa Rica
Nome científico: [nome oficial cast: República de Costa Rica]

Estado de América Central, limitado ao O polo Océano Pacífico, ao L polo Mar Caribe, ao N por Nicaragua e ao S por Panamá. Abrangue tamén o territorio insular da illa de Coco, situada no Océano Pacífico (51.100 km2; 3.841.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 11° e os 8° de latitude N e os 86° e 83° de lonxitude L. A súa capital é San José.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
A Cordillera Central, a cordilleira de Talamaca e a cordilleira de Guanacaste, de orixe vólcanica, atravesan Costa Rica de NO a SL. O cumio máis elevado é Chirripó Grande, que acada os 3.819 m de altitude, na cordilleira de Talamanca, e o volcán activo de Irazú con 3.432 m. Entre a Cordillera Central e Talamuca sitúase un val ou Meseta Central, onde se concentra a maior parte da poboación. As costas do Mar Caribe son baixas e esténdense entre as penínsulas de Nicoya e Osa. As costas do Pacífico teñen importantes entrantes entre os que destacan os golfos de Nicoya, Dulce e a baía de Coronado.
Climatoloxía e hidrografía
O clima é ecuatorial, máis cálido no litoral do Pacífico ca no do Atlántico. Nas chairas da costa a temperatura media é de 28°C, mentres que na Meseta Central oscila entre os 15°C e 25°C. A estación das chuvias esténdese de maio a novembro e son máis abundantes na costa do Pacífico. A media de precipitacións anuais é superior a 2.500 mm. Os ríos, curtos e de escaso caudal, distribúense en tres vertentes: a do lago de Nicaragua (Sabogal e Frío), Atlántico (Tortuguero e Sarapiquí) e a do Pacífico (General).
Medio ambiente
Costa Rica, con máis de 500.000 especies de seres vivos, é unha das rexións de maior diversidade do planeta e, malia contar co 0,01% da extensión global, alberga o 6% de todas as especies de seres vivos do mundo. Por cada 10.000 km2 de selva hai 295 especies de árbores (nunha superficie de igual dimensión Colombia conta con 35 especies e Brasil con 6 especies). Costa Rica desenvolveu un programa que tivo como obxectivo a conservación da maior parte da biodiversidade mediante programas de desenvolvemento sostible. Para iso creou un Sistema Nacional de Áreas de Conservación conformado por espacios protexidos que representan preto do 25% do territorio. Este sistema procura, ademais de preservar áreas silvestres, mellorar o coñecemento da biodiversidade e buscar fórmulas de usos sostibles desa biodiversidade. Na gran diversidade de ecosistemas cos que conta -bosques secos tropicais, bosques húmidos na montaña, manglares e páramos- viven máis de 13.000 especies de plantas, máis de 2.000 especies de bolboretas diúrnas e 4.500 nocturnas, 163 de anfibios, 220 de réptiles, 1.600 de peixes e 850 especies de aves. Entre os grandes mamíferos destacan os xaguares, os ocelotes, os pumas, os tapires, os monos, e os osos preguizeiros e formigueiros. Nalgunhas das súas praias desovan as grandes tartarugas mariñas.
Xeografía económica

Economía
En 1999 o país liberouse da crise financeira brasileira grazas ao dinamismo do sector exterior que compensou a debilidade da demanda interior, conxugada cunha política monetaria restritiva: a inflación pasou do 11,6% en 1998 ao 9,4% en 1999. A economía segue a ser basicamente agrícola, malia o desenvolvemento industrial que comezou na década dos sesenta. A economía é bastante estable e depende esencialmente do turismo e da exportación de produtos agrícolas, que permitiron un crecemento económico en 1998 do 6,2% (o segundo de América Latina), despois da recesión do ano anterior. Os ingresos por turismo en 1998 acadaron os 445 millóns $ USA. Nun intento por diversificar a economía, o goberno impulsou o sector gandeiro. A débeda externa é bastante elevada; en 1996 chegaba aos 3.454 millóns $ USA. Conta cunha ampla clase media e a distribución do PIB por habitante é unha das máis equitativas de América Latina (2.640 $ USA [1996]). A inflación en 1997 era do 13,3%, cun desemprego do 5,7% no mesmo ano. A poboación activa en 1997 era de 1.408.000 h, cunha porcentaxe de mulleres do 30%. A moeda oficial é o colón.
Agricultura e gandería
A actividade agraria constitúe a principal fonte de riqueza. Os produtos máis importantes son o café, a cana de azucre, o cacao, o arroz, o tabaco, o algodón e as bananas. Máis do 10% do territorio está cultivado e a maioría das propiedades son pequenas. O café é un dos produtos máis valorados pola súa calidade; plántase principalmente na Meseta Central e, xunto co cacao e co azucre, destínanse á exportación. A United Fruit Company e a Standard Fruit Company venden ao exterior o 80% da produción de bananas. No que respecta á gandería, o armentío bovino (1.527.000 cabezas) é o máis importante, seguido do porcino (280.000 cabezas) e do equino (115.000 cabezas). A pesca ten escasa importancia, agás na costa do Pacífico. O sector primario ocupa o 20% da poboación activa.
Minería e industria
Os principais xacementos son os de bauxita e os de ouro en San Ramón. En menor medida destacan os de manganeso (península de Nicoya), níquel, mercurio e xofre, pouco explotados pola súa inaccesibilidade. Dende 1960 a industria está en pleno desenvolvemento e predominan as pequenas e medianas empresas. Os principais sectores son o alimentario, o químico, o papeleiro, o madeireiro e o do tabaco. Os portos principais son os de Limón, Puntarenas e Quepos, desde onde sae a maior parte dos produtos de exportación. A industria ocupa o 22% da poboación activa.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un claro signo deficitario. O valor das importacións en 1990 ascendeu a 2.440.000.000 $ USA, principalmente bens manufacturados, maquinaria, petróleo e bens de consumo. O valor das exportacións no mesmo ano foi de 1.830.000.000 $ USA; destacan o café, as bananas, o cacao e os produtos téxtiles. Os principais clientes e provedores son EE UU, Xapón, Alemaña e Italia.
Transportes e comunicacións
As comunicacións están pouco desenvolvidas; dos 35.597 km de estradas (1996), 7.405 están asfaltados e 680 forman parte da estrada Panamericana. Dispón de 950 km de vías férreas (1995). As vías navegables internas suman 730 km, cunha mariña mercante formada por 15 unidades en 1999.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (2% [1993-1998]), cunha taxa de mortalidade infantil do 12,6‰ (1998) e unha natalidade do 23,9‰ (1997). A esperanza de vida é de 74 anos para os homes e de 79 para as mulleres.
Poboamento
A densidade de poboación era de 64 h/km2 en 1994, cunha sociedade urbana do 50,2% en 1997. O crecemento demográfico é bastante importante. A poboación, distribuída irregularmente, concéntrase principalmente no altiplano, onde se sitúa a aglomeración máis importante do país, San José (329.154 h [1997]). Outros núcleos importantes son Cartago (23.884 h [1984]), Limón (57.216 h [1996]) e Puntarenas (29.224 h [1984]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A maior parte da poboación descende de europeos, fundamentalmente españois, instalados no territorio costarriqueño que se distribúen do seguinte xeito: crioulos (87% da poboación total), mestizos (7%) e mulatos (3%). Ademais, existen outras minorías étnicas: chineses (1,9%) e amerindios (0,5%). Os tres grupos indíxenas maioritarios son o chorotega, o rama e o talamanca; este último, á súa vez, agrupa os boruca, os bribri, os cabécares e os tribes. O 0,6% restante está formado por diversas minorías estranxeiras (mexicanos, panameños e nicaraguanos) e a poboación negra, que se concentra sobre todo nas provincias de Puntarenas e Limón, onde constitúe o 33,2% da súa poboación. Segundo a Constitución de 1949, a lingua oficial é o castelán; sen embargo, en 1999 aprobáronse reformas legais que garantían o fomento das linguas indíxenas. Estas pertencen ao grupo talamanca (o bribri, o cabécar, o boruca e o teribe) e ao grupo vótico (o guatuso) da familia lingüística chibcha. Tamén está moi estendido o uso dun crioulo do inglés. A relixión católica, practicada polo 85% da poboación, é a oficial do Estado, que contribúe ao seu mantemento sen prexuízo do libre exercicio na República doutros cultos que, segundo consta no artigo 75 da Constitución de 1949, non se opoñan á moral universal nin aos bos costumes. O 14% da poboación practica o culto evanxélico e o 1% restante outras relixións. O Estado asumiu dende 1949 como un reto fundamental a educación e a culturización da súa poboación. Neste sentido, posúe o índice de alfabetización (95,3% en 1998) máis alto de América Latina; a educación primaria (entre os 6 e os 13 anos) é obrigatoria e, xunto coa educación infantil, diversificada e gratuíta. A Universidad de Costa Rica, a Universidad Nacional e o Instituto Tecnológico de Costa Rica, con sede en San José, son as principais institucións de cultura superior dotadas de patrimonio polo Estado, que colabora no seu financiamento.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Costa Rica entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 48º posto cun índice do 0,797). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 76,2 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 95,3% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 66%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 5.987 $ USA.
Goberno e política
Costa Rica foi unha antiga colonia española que acadou a súa independencia en 1821. Dende 1823 ata 1838 formou parte da Federación de Provincias Unidas de Centroamérica e proclamouse República o 31 de agosto de 1848. A Constitución do 7 de novembro de 1949, reformada en varias ocasións, establece un complexo sistema de control e equilibrio de poderes e presenta como unha constante a defensa dos dereitos humanos. O poder executivo está formado polo presidente, que é o xefe de Estado e de goberno; polos dous vicepresidentes, elixidos no mesmo día e na mesma fórmula por unha maioría de votos, que debe exceder o 40% do número de sufraxios emitidos, para un período de catro anos; e o Consello de Ministros, nomeado polo presidente. O poder lexislativo corresponde a unha cámara única, a Asemblea Lexislativa, formada por 57 deputados, elixidos para un período de catro anos. O sistema xudicial baséase no dereito español e o órgano xudicial superior é a Corte Suprema de Justicia. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte non está en vigor. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP, relativo á abolición da pena de morte; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención sobre os Dereitos do Neno; Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, asinado pero aínda non ratificado; Convención Americana sobre os Dereitos Humanos (1969), coa declaración prevista no artigo 62, pola que se recoñece a competencia da Corte Interamericana dos Dereitos Humanos sobre todos os casos relativos á interpretación ou á aplicación da Convención; Protocolo da Convención Americana sobre Dereitos Humanos Relativo á Abolición da Pena de Morte (1990); Convención Interamericana para Previr e Sancionar a Tortura (1985) e Convención Interamericana sobre Desaparición Forzada de Persoas (1994). Así mesmo, no ano 2000 asinou o Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno, relativo á participación de menores nos conflitos armados. Os partidos políticos máis importantes son o socialdemócrata Partido de Liberación Nacional (PLN), fundado en 1948 e presidido por Rolando Araya Monge, e o democristián Partido de Unidad Socialcristiana (PUSC), fundado en 1985 e presidido por Abel Pacheco, que alternan no poder nun sistema político bipartidista. Os restantes partidos, que se reparten ao redor do 25% do apoio electoral, son: Fuerza Democrátrica (FD), unha coalición presidida por Isaac Felipe Azofeifa e formada polo Movimiento Humanista Ecologista, o Partido del Progreso, o Partido Unión Patriótica e Pueblo Unido, que agrupa o Partido del Pueblo Costarricense (fundado en 1931), o Partido Socialista Costarricense e o Partido de los Trabajadores; Integración Nacional (IN), Movimiento Libertario (ML) e Partido Renovación Costaricense (PRC). Administrativamente, o país divídese en sete provincias. Forma parte da ONU e da Organización dos Estados Americanos (OEA).
Historia
Na época prehispánica as tribos que poboaban o territorio dividíanse en tres grupos culturais: as do Pacífico Norte, as do Pacífico Sur e as da vertente atlántica. O primeiro deles considérase o máis desenvolvido culturalmente, cunha economía baseada no millo e que destacaba no traballo da cerámica. A do Pacífico Sur, baseada na caza e na pesca, distinguiuse polo traballo do ouro. Na época da chegada de Colón, as principais tribos indíxenas eran os caribes, que habitaban a costa leste, e os borucas, chibchas e diquis, que vivían no sudoeste.
A colonización

Colón percorreu as costas atlánticas de Costa Rica durante a súa cuarta viaxe (1502). Durante a primeira metade do s XVI sucedéronse as expedicións de Gaspar de Espinosa, Juan de Castañeda e Hernán Ponce de León (1519), Gil González Dávila (1523) e Hernández de Córdoba (1524), que percorreron o litoral costarriqueño. En 1539, Hernán Sánchez de Badajoz recibiu títulos para explorar Costa Rica e, desde entón, apareceu con este nome nos documentos oficiais. A mediados do s XVI, a Audiencia de Guatemala encargou as expedicións de Juan de Cavallón (1560) e Juan Vázquez de Coronado (1562), que levaron adiante a colonización do interior e fundaron numerosas cidades (Garcimuñoz e Cartago). Desde 1574 quedou integrada na capitanía xeneral de Guatemala, onde permaneceu ata a súa independencia. Nos ss XVI e XVII os casteláns iniciaron o proceso de colonización, dificultado pola resistencia indíxena e as incursións de piratas británicos. Conformouse unha poboación de pequenos propietarios baseada na agricultura de subsistencia. A mediados do s XVII, comezou o cultivo de cacao na costa atlántica, e no s XVIII o de tabaco, do que Costa Rica recibiu o monopolio en 1787.
O proceso de independencia
Trala declaración de independencia da capitanía xeneral de Guatemala, en Costa Rica estableceuse un goberno provisional presidido por Juan M. Cañas do que xurdiron dúas tendencias opostas con respecto ao futuro do país: unha, partidaria do Imperio Mexicano de Itúrbide e outra, máis democratizante, que proclamaba a anexión a Colombia. Triunfou a segunda opción e Costa Rica uniuse á Federación de Provincias Unidas de Centroamérica (1823) ata o goberno de Carrillo (1838). Baixo a presidencia de José M. Castro Madriz, o 31 de agosto de 1848 proclamouse a independencia do país.
A República de Costa Rica
En 1849 Juan Rafael Mora foi nomeado primeiro presidente constitucional. O cultivo do café introduciuse cara ao 1808 e acadou unha importancia enorme a partir de 1835, grazas ao mercado inglés e ás prudentes medidas dos gobernos sucesivos. A mediados do s XIX o estadounidense William Walker, intentou estender, desde Nicaragua, o seu dominio polo istmo centroamericano, pero foi derrotado polo presidente costarriqueño Juan Rafael Mora. No 1878 o presidente Tomás Guardia (1870-1882) cedeulle á United Fruit Company (UFC) a explotación de plantacións de bananas na costa atlántica; co tempo, toda a zona occidental dedicouse ao cultivo de bananas. Este feito supuxo a penetración norteamericana na economía e na política nacional. Na primeira metade do s XX, baixo a presidencia de González Flores, produciuse o golpe de estado liderado polo xeneral Tinoco Granados (1917) rexeitado por unha revolta popular e pola ameaza de intervención norteamericana. En 1929 articulouse o Partido Comunista, con presenza crecente nas áreas bananeiras, que posteriormente se transformou en Vanguardia Nacional e loitou pola consecución de melloras sociais, como a implantación da seguridade social (1943).
O PLN no goberno

En 1948 a sospeita de eleccións fraudulentas, que lle deran o triunfo a Otilio Ulate, orixinou unha breve guerra civil na que José Figueres Ferrer venceu as forzas gobernamentais e converteu o seu partido, o Partido de Liberación Nacional, en líder da política nacional durante o resto do s XX. Un ano despois promulgouse unha nova Constitución de corte presidencialista, que prohibía o exército permanente e nacionalizaba o sistema bancario. No período 1954-1958, Figueres accedeu á presidencia cun programa socialdemócrata, proestadounidense e anticomunista. Sucedérono na presidencia da República o conservador Mario Echandi Jiménez (1958); Francisco Orlich Bolmarich, do Partido de Liberación Nacional (PLN, 1962), que introduciu o país no ámbito do Mercado Común Centroamericano; o conservador José Joaquín Trejos Fernández (1966); José Figueres, de novo (PLN, 1970); e Daniel Oduber Quirós (PLN, 1974), que legalizou novamente o Partido Comunista. Quirós intentou restablecer a unidade do Mercado Común Centroamericano, en crise desde o conflito de 1969 entre El Salvador e Honduras. O goberno seguinte, do conservador Rodrigo Carazo Odio (1978), estivo marcado polo enfrontamento coas forzas sindicais e de esquerdas e pola ruptura das relacións diplomáticas con Cuba. No mandato de Luis Alberto Monge Álvarez (PLN, 1982), Costa Rica firmou un acordo con Nicaragua para evitar os conflitos fronteirizos que non tivo éxito. O socialdemócrata Óscar Arias Sánchez, presidente desde 1986, presentou un plan de paz no Cumio de Esquipulas (Guatemala, 1987) que foi asinado polos presidentes de El Salvador, Nicaragua, Guatemala, Honduras e Costa Rica. Este plan, coñecido como Esquipulas II, outorgoulle un importante papel a Costa Rica nas relacións internacionais e supuxo un éxito persoal para Óscar Arias, que recibiu o Premio Nobel da Paz en 1987. As relacións con Nicaragua durante os anos oitenta flutuaron acordes coas incursións sandinistas no territorio costarriqueño e coa política cambiante de Costa Rica, presionada polos EE UU respecto das bases da contra. Arias conseguiu, en outubro do 1989, reunir nun cumio sete xefes de Estado para celebrar o centenario da democracia no seu país.
A integración centroamericana

As eleccións de febreiro de 1990 resultaron favorables a Rafael Ángel Calderón Fournier, do Partido Unidad Social Cristiana (PUSC), quen propuxo un programa baseado en promesas populistas, que se amosaba cada vez máis irrealizable. Como consecuencia, en febreiro de 1994 o PLN gañou as eleccións e José María Figueres converteuse no novo presidente. O 1 de febreiro de 1998, Miguel Ángel Rodríguez, candidato do PUSC, foi elixido presidente e reiterou a non-adhesión de Costa Rica aos mecanismos de integración política centroamericanos, pero si aos de integración económica. No ano 2001 presentou, xunto ao seu homólogo mexicano, Vicente Fox, o Plan Puebla-Panamá, que pretende desenvolver a interconexión viaria e enerxética entre o sur de México e a rexión centroamericana.