costarriqueño -ña

costarriqueño -ña

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Costa Rica ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Costa Rica.

  3. arte costarriqueña [ARTE]

    Arte producida en Costa Rica. As manifestacións que se deron durante a época precolombina son algunhas das máis estudiadas do territorio centroamericano. A situación xeográfica do país condicionou o desenvolvemento dos pobos precolombinos que recibiron a influencia dos pobos do norte e do sur do continente. O xacemento arqueolóxico máis importante, onde aparecen os restos das culturas mesoamericanas e sudamericanas, coñécese como Monumento Nacional Guayab, ocupado dende o ano 1000 a C aproximadamente, pero que tivo o seu maior desenvolvemento entre os anos 300 e 700 da nosa era. Diferéncianse tres zonas de desenvolvemento artístico: o altiplano e a vertente atlántica, a zona de Nicoya e a de Diquís. A zona atlántica e o altiplano caracterízanse pola creación de obxectos en pedra: laxas decoradas con relevos; pedras de moer ou metates, de forma oval ou rectangular e con tres ou catro patas, a maior parte deles coa forma dun xaguar; e figuras antropomórficas. A cerámica decorábase con figuras zoomórficas e antropomórficas. En Nicoya desenvolveuse unha cultura caracterizada pola elaboración dunha cerámica monocroma, negra ou vermella, que producía pezas con representacións animais e humanas e, sobre todo, vasos trípodes, polícromos ou bicromos, con patas en forma de animais ou de cabezas humanas. O máis característico da rexión de Diquís foron as grandes esferas de pedra perfectamente talladas e pulidas, das que se descoñece o seu significado. Ademais localizáronse esculturas antropomorfas moi esquemáticas e pedras de moer. Na metalurxia destacan os colgantes, os pendentes, as agullas, etc; e na cerámica, os recipientes monocromos trípodes. Un dos aspectos máis destacables do período precolombino foi a realización de obxectos en ouro e xade. En ouro fabricáronse pectorais, brazais, diademas, discos, etc, seguindo a técnica de fundición da cera perdida e do repuxado na decoración. O xade, do que se descoñece a súa procedencia, xa que no territorio costarriqueño non hai minas deste material, puido ser extraído das minas de Guatemala e transportado ata a rexión de Chorotega. Durante a época colonial, Costa Rica non foi un dos territorios máis poboados, feito que, unido aos terremotos sufridos en Cartago, a antiga capital, provocou que os vestixios artísticos deste momento sexan máis ben escasos. Entre as manifestacións arquitectónicas destacan as igrexas de Nicoya e Heredia. Outros templos importantes son a catedral metropolitana de San José e a basílica de Nuestra Señora de los Ángeles, onde se conserva a imaxe da patroa de Costa Rica, La Negrita, descuberta en 1635. No eido das artes plásticas, destaca a creación en 1897 da Escuela Nacional de Bellas Artes, posteriormente Escuela de Artes Plásticas de la Universidad de Costa Rica, baixo a dirección do pintor español Tomás Povedano de Arcos (1847-1943), mestre de moitos artistas costarriqueños. Os primeiros renovadores da pintura foron Teodorico Quirós Alvarado (1897-1977), arquitecto e pintor paisaxista, organizador de exposicións nacionais (1928-1936); Francisco Amighetti Ruíz (1907), pintor, gravador e muralista; Max Jiménez (1900-1947), escultor, pintor e literato; e Margarita Bertheau (1913-1975). Posteriormente, destacou a obra de Luis Daell. Na escultura sobresae a obra de Juan Rafael Chacón (1894-1982), nexo de unión entre a tradición e a modernidade, e Juan Manuel Sánchez (1907-1990); xa nos anos setenta, a de Hernán González (1918-1987). Durante o último terzo do s XX, os artistas costarriqueños participaron das linguaxes das tendencias internacionais. Entre outros, destacan Juan Luis Rodríguez Sibaja (1934), Rafael Ottón Solís (1946), Otto Apuy Sirias (1949), Cecilia Paredes (1950), Luis Chacón (1953), Pedro Arrieta (1954), Joaquín Rodríguez del Paso (1961), Florencia Urbina (1964), Jorge Albán (1967) e Emilia Villegas (1967).

  4. literatura costarriqueña [LIT]

    As letras costarriqueñas viviron un período de romanticismo tardío, un modernismo epigonal e o vangardismo durante a primeira metade do s XX. Poetas, novelistas e dramaturgos movéronse entre o costumismo e un cosmopolitismo exacerbado. No panorama romántico poético destacou a figura de Aquileo J. Echevarría (1866-1909), autor de Concherías (1905); baixo o modernismo, Juan Diego Braun (1859-1886), José Mª Alfaro Cooper (1861-1939) e Roberto Brenes Mesén (1874-1947), autor de Hacia nuevos umbrales (1913) e Los dioses vuelven (1928), que significaron o final do movemento iniciado por Rubén Darío. No s XIX sobresaíron os prosistas Pío Víquez (1848-1899), fundador de El Heraldo de Costa Rica e autor de Miscelánea (1903); e Manuel Argüello Mora (1845-1902), autor de Costa Rica pintoresca (1899) e Un drama en el presidio de San Lucas (1900). No panorama literario do s XX destaca a obra de, entre outros, Carmen Lyra (1888-1949), autora de En una silla de ruedas (1918) e Los cuentos de mi tía Panchita (1920); José Marín Cañas (1904-1981), director do xornal La Nación e autor de Lágrimas de acero (1929), El infierno verde (1935) e Pedro Arnáez (1942); Carlos Luis Fallas (1911-1966), autor de Mamita Yunai (1941), Gente y gentecilla (1947) e Un mes en la China Roja (1977); e as obras de denuncia social de Fabián Dobles (1918), autor de Ese que llaman pueblo (1942) e Historias de Tata mundo (1955); e Joaquín Gutiérrez (1918), autor de Cocorí (1947) e Puerto limón (1950). Na década dos cincuenta, no eido da poesía sobresaen Alfredo Cardona Peña (Cosecha mayor, 1964; Los jardines amantes, 1952), Eunice Odio (Tránsito de fuego, 1957), Isaac Felipe Azofeita (Cima del gozo, 1974) e Salvador Jiménez Canossa (Balada del amor que nace, 1959). Cómpre salientar a obra de, entre outros, Julieta Dobles (Reloj de siempre, 1965), Samuel Rowinski (Cuento creciente, 1974), Carlos Rafael Duverrán (Estación de sueños, 1970), Alberto Cañas (Feliz año Chaves, Chaves, 1975), Carmen Naranjo (Diario de una multitud, 1974), Quince Duncan (El pozo y una carta, 1969), Edelmira González (Mansión de mis amores, 1974), Alfonso Chase (Las puertas de la noche, 1974) e de Mía Gallegos e Ana Istaru, autoras respectivamente de Golpe de albas e Poemas para un día cualquiera, editados en un só volume en 1976.