coupling*

coupling*
s m [LIT]

Termo proposto por S. R. Levin (1974) para referirse a un tipo de estrutura que lle permite explicar os dous trazos máis característicos da estrutura lingüística da poesía: por unha banda, a forte unidade entre a expresión formal e o contido do seu discurso e, pola outra, a súa vontade de permanencia, a tendencia a perpetuarse e ser reproducida na súa forma orixinal. Estas estruturas, denominadas emparellamento ou acoplamento, concibíronse como un principio ordenador da teoría de Jakobson sobre a recorrencia ou repetición como medio unificador básico da poesía. Defínense pola colocación de elementos lingüísticos equivalentes, isto é, que cumpren funcións gramaticais ou semánticas similares, en posicións tamén equivalentes dentro da mesma cláusula ou en cláusulas diferentes. As equivalencias poden ser fónicas, no caso de recursos como a aliteración, a rima, etc; sintácticas, se equiparan elementos no que se refire á súa orde e posición no discurso; ou semánticas, se se trata de relacións de sinonimia, antonimia, etc. O seu emprego prodúcese de forma sistemática na composición poética e da súa función unificadora depende tanto a eficacia estética como a capacidade do poema para manterse na súa forma orixinal na memoria do receptor.