crioulo -la
(< criar)
-
adx
Relativo ou pertencente ao crioulo.
-
s
[HIST]
Fillo de peninsulares nacido nas colonias hispanas de América. Durante os ss XVI e XVII os crioulos participaron na vida colonial nas mesmas condicións cós peninsulares, pero desde mediados do s XVIII constituíronse nunha clase social posuidora de grandes riquezas e influída polo ideario da Ilustración, da Revolución Francesa e das ideas orixinadas a raíz da independencia dos EE UU. Os crioulos pretendían acadar o poder político, co obxecto de efectuar cambios político-económicos que lles desen a posibilidade de introducir o liberalismo parlamentario. Os movementos de separación de España comezaron dende o reinado de Carlos III pero non foi ata comezos do s XIX, co illamento de España durante as guerras napoleónicas, cando se instituíron nunha clase diferenciada e se desligaron da metrópole. O triunfo final dos movementos independentistas consagrou o seu poder e deixou as colonias nas mans da burguesía colonial.
-
s
m
[LING]
Pidgin que se converte na lingua nativa dun grupo social ou dunha comunidade enteira. Xorde despois dun proceso de crioulización e presenta unha estrutura léxica e gramatical máis complexa ca o pidgin orixinario. Despois de estar formado, pódenlle afectar catro procesos: manterse como tal crioulo sen sufrir modificacións formais importantes; extinguirse totalmente; sufrir un proceso de descrioulización e pasar a formarse un continuo poscrioulo; ou sufrir un proceso de recrioulización.