croata
(< topónimo Croacia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Croacia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Croacia.
-
s
m
[LING]
Lingua eslava da familia lingüística indoeuropea que se fala en Croacia. É idéntica á lingua serbia, pero, a diferenza desta, escríbese en alfabeto latino. Tanto o croata como o serbio adoitan agruparse nunha única lingua, o serbocroata.
-
arte croata
Arte desenvolvida en Croacia. A situación xeográfica do país explica as diversas influencias que recibiron as súas manifestacións. Os acontecementos políticos vividos no país dende 1991 danaron algún dos seus monumentos. Entre as primeiras manifestacións arquitectónicas destacan as igrexas prerrománicas de Zadar, Split e Dubrovnik. Os beneditinos introduciron o románico e o gótico; entre as mostras románicas destacan as catedrais de San Trifón (Kotor) e San Lourenzo en Trogir, e o campanario da catedral de Split. Da catedral de Dubrovnik só se conserva, tralo terremoto de 1661, o claustro maior. Do período gótico destaca o claustro do convento dos dominicanos de Dubrovnik e a catedral de Zagreb. Do Renacemento sobresaen a catedral de Sibenik e a obra do pintor Bernardo Bobic. Entre as construcións barrocas destacan as igrexas da Virxe e dos Xesuítas de Dubrovnik. Durante o s XIX, Zagreb converteuse no centro artístico do país. No eido da pintura destacaron Vjekoslav Karas e Ferdo Quiquerez, e no eido da escultura, Ivo Rendic. No s XX cómpre salientar o labor dos grupos Exat 51, formado por, entre outros, Ivan Picelj, Bozidar Rasica e Aleksander Srnec, e que se afastou das tradicións clásicas; e Novas Tendencias, fundado por Ivan Picelj en Zagreb en 1951. Entre os artistas de finais de século destacan Zeljko Kipke, Vlado Martek, Goran Trbuljak, Mladen Stilinovic, Gorki Zuvela e Mirko Zrinscak, autores de instalacións; os pintores Nina Ivancic, Dean Jokanovic-Toumin, Dubrava Rakoci, Damir Sokic, Zlatan Vrkljan e Anto Jerkovi; e os escultores Ivo Dekovic, Branko Lepen, Goran Petercol e Vlasta Zanic.