Cruz
-
[ONOM]
Nome propio cristián e apelido toponímico. De tradición cristiá, este antropónimo evoca a crucifixión de Xesús de Nazaret e remite, etimoloxicamente, ao latín crux, crucis ‘cruz’. Como apelido documéntase no s XV precedido da preposición de indicativa de lugar de nacemento, procedencia ou residencia: “Alfonso Dominguez da Cruz” (doc ano 1404 en Emilio Duro Peña, Catálogo de los documentos privados en pergamino del Archivo de la Catedral de Orense (888-1554), 1973, p 259). O sintagma da Cruz adoita aparecer grafado soldado: Dacruz. O santoral hispánico do s XI celebraba a exaltación da Santa Cruz o 14 de setembro (coincidindo co día no que se atopou) e o 3 de maio. Aínda que coa reforma do calendario se suprimiu esta última festividade, en Galicia segue a ser a máis habitual. Celébrana ese día nas 33 parroquias das que é advocación titular e nos concellos dos que é patroa (A Bola, A Peroxa, A Teixeira, Barbadás, Coles, Laza, Leiro, Melón, Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Vilamarín). Noutros lugares celébrase a festa da Exaltación da Cruz o 14 de setembro. Na tradición oral recóllense ditos como: “Pola santa Cruz de maio o lobo e corvo nado e o raposo medio criado”, “Pola santa Cruz toda besta reluz”, “O día de santa Cruz vai ver se a túa viña reluz. Santa Cruz de Maio / víndenos buscar, / que eí veñen os mouros / para nos levar”, “Verdadeira Cruz de Aranga / está no seu camarín posta; / está mirando aos seus romeiros / cómo lle suben a costa”.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe estendida por toda a Península que estableceu casa preto de Pontevedra. A rama galega trae como armas, en campo de ouro, unha cruz plana de goles; bordo de azul, con oito vieiras de prata. Algunha variante leva, en campo de ouro, unha cruz plana de goles e, en punta, unha cabeza de serpe de sinople; bordo de goles, con oito estrelas de ouro. Outros empregan, en campo de ouro, unha aspa de goles.