cruz

cruz

(< lat crŭx crŭcis)

    1. Vera Cruz [RELIX]

      Calquera pedazo de madeira obxecto de veneración ao se identificar como a auténtica cruz na que se crucificou a Xesús. A mediados do s IV, a igrexa de Xerusalén afirmaba posuír a cruz de Cristo, que expuña á veneración pública o Venres Santo. Segundo a lenda, a cruz atopouna Helena, nai do Emperador Constantino. No 614, coa destrución de Xerusalén, os persas arrebatárona. Recuperada polo Emperador Heraclio no 630, foi devolta a Xerusalén o Venres Santo do 21 de marzo do ano 631. As principais igrexas volveron posuír a reliquia da auténtica cruz de Cristo (chamada, por ese motivo, Vera Cruz) xa dende o s IV; dende Xerusalén difundíronse fragmentos por todo o mundo cristián. En honor da cruz celébranse diversas festas litúrxicas: a Exaltación da Santa Cruz (14 de setembro), ten a orixe na presentación da cruz á veneración pública o día despois da dedicación das basílicas constantinianas de Xerusalén. Festa sinalada en Oriente, foi relacionada en Occidente co achado da cruz por Helena. A Invención da Santa Cruz (3 de maio), foi unha festa occidental (xa suprimida), que pretendía lembrar a devolución da cruz por Heraclio.

    2. s f [HIST]

      Instrumento de suplicio formado por un pau vertical (estípite) e un traveseiro horizontal (patíbulo) onde morrían os criminais atados ou cravados polas súas extremidades. Os romanos adoptaron o uso desta forma de axustizamento, que proviña de Oriente, dende o s VI a C. Existían diversos tipos de cruces: a cruz latina, que se caracterizaba por ter o estípite máis longo ca o patíbulo, mentres que a cruz grega tiña os dous paos da mesma lonxitude.

    3. s f [ARTE/ETN]

      Monumento, obxecto artístico ou figuración plástica que representa a cruz de Cristo. Coñecida en moitas culturas e relixións precristiás como símbolo cósmico nas súas formas máis diversas, como do poder dos elementos, da luz ou da procreación. O signo da cruz enriqueceuno o cristianismo cos seus símbolos máis específicos da morte e da gloria. As primeiras representacións cristiás son dos ss III e IV, como o sarcófago de Domitila ou as tumbas dos primeiros mártires; sen embargo, non foi ata despois do Edito de Milán (313) cando puido mostrarse publicamente como símbolo da vitoria. Este aspecto glorioso e triunfante reflectiuse nas pedras preciosas que adornaban as cruces, tal e como aparece nos mosaicos de Ravenna (s V-VII) ou nos mosaicos de diversas basílicas romanas a partir do s V. A cruz apareceu tamén nas ábsidas das antigas basílicas, situada enriba dun sitial, como símbolo da Parusía ou última chegada de Cristo ao mundo. Ao longo da historia cristiá, a cruz representouse en case todas as técnicas e todos os materiais como símbolo ornamental e relixioso. Así existen, entre outras, a cruz de altar, a cruz procesional e a cruz pectoral. Estas cruces tiveron un proceso evolutivo de reflexión teolóxica arredor da cruz e do crucificado. A figura de Cristo comezou a aparecer na cruz, a partir do s VI, nun primeiro momento baixo un aspecto glorioso e despois sufridor, ata que estas figuracións ocuparon o lugar da antiga cruz núa. As cruces foron unha das tipoloxías máis empregadas na ourivería. Realizáronse en materiais moi diversos, principalmente prata, dourada ou non, bronce, acibeche, cristal de rocha e esmalte. Destacan as cruces asturianas dos Ángeles, doada por Afonso II á igrexa de San Salvador de Oviedo, e a da Vic22toria, doada por Afonso III tamén á mesma igrexa. Unha cruz semellante a estas dooulla Afonso III á catedral de Santiago de Compostela, pero non se conserva, xa que foi roubada en 1907. Entre as cruces conservadas en Galicia cómpre destacar, entre outras, a cruz de Ordoño (s XI), conservada na catedral de Santiago de Compostela, a cruz gótica de cristal de rocha de Santa Clara de Allariz, a cruz doada polo conde de Benavente á catedral de Ourense (1515) e a cruz procesional de Santiago de Zorelle (Maceda, 1649). Entre as cruces realizadas en pedra destaca a cruz de Farrapos no tellado da catedral compostelá e as colocadas ás beiras dos camiños, nos adros das igrexas ou nas entradas das poboacións. A tradición coloca cruces e cruceiros nos montes, nas encrucilladas, no mar, ou sexa, en lugares considerados maléficos para representar o triunfo de Cristo sobre o Mal. En Galicia, como en toda Europa, na vida cotiá a cruz, símbolo da Cruz de Cristo, servía de defensa contra todo tipo de males. A cruz defende do demo, da bruxería, do mal de ollo, da Santa Compaña e de calquera manifestación maléfica. Os curandeiros “cruzan” o enfermo, é dicir, fan cruces sobre el para expulsar a enfermidade. Cando a xente boquexa, fai una cruz diante da boca para que non entre ningún maleficio aproveitando ese momento. Os campesiños usan tanto verdadeiras cruces como substitutos. Entre eles está a expresión “tocar madeira”, que equivale a tocar o madeiro da cruz. Ante unha ameaza a xente cruza os dedos para formar unha cruz. Tamén serve de defensa una cruz debuxada no chan, a cruz formada por dúas veas que se cruzan, a cruz do reverso das moedas e a cruz que nalgúns animais -por exemplo, a mula- forman os ósos do espiñazo e da pelve. Na festa dos maios hai parroquias onde confeccionan unha cruz de plantas e flores. Os nenos van coa cruz de maio casa por casa cantando un canto tradicional e pedindo aguinaldo. Este costume procede do s VI, no que se lle deu un contido cristián á festa da árbore de maio, asimilando a árbore ao madeiro da cruz de Cristo. Por esa razón, nalgúns lugares, como en Laza, o día da cruz de maio hai unha representación do misterio de Adán e Eva, que co seu pecado fixeron necesaria a morte de Cristo na cruz. A cruz procesional é a que abre a marcha nas procesión católicas. Por esa razón, a parroquia de mortos, a Santa Compaña, tamén vai precedida dunha cruz parroquial.

    4. cruz de altar [RELIX/ARTE]

      Cruz de tamaño relativamente pequeno que se asenta sobre un pé de variadas formas para apoiala sobre o altar. Adoita acompañarse de dous candeeiros para presidir a Eucaristía.

    5. cruz de término [HIST/ARTE]

      cruceiro.

    6. cruz peitoral

      Cruz que levan os bispos sobre o peito, como sinal da súa autoridade.

    7. cruz procesional [RELIX/ARTE]

      Cruz que ten a función de abrir a marcha nas procesións; durante eses momentos recibe o nome de cruz alzada. Consta de tres partes ben diferenciadas: a vara, composta de varios canóns cilíndricos e que permite transportar a cruz en alto; a macolla e a cruz propiamente dita. Cada parroquia tiña a súa propia cruz, que encabezaba as procesións públicas acompañada de dous ciriais aos lados. Adoitan ser de prata; pode estar adornada con esmaltes e pedras preciosas segundo os estilos e tendencias de cada momento.

    1. s f

      Pólas de árbore que se entrecruzan para colocar no curuto dun palleiro unha vez rematado.

    2. cruz de Malta [IMAX]

      Dispositivo en forma de cruz de Malta aplicado principalmente aos aparatos de cinematografía para darlle un movemento de avance intermitente á película no mecanismo de intermitencia. Transforma un movemento xiratorio nun movemento de avance.

    3. s f

      Obxecto que presenta un aspecto cruciforme.

    4. s f

      Cada parella de pequenos paos atravesados dentro da colmea para soster as entenas.

      Sinónimos: cruceta.
    5. s f

      Peza do muíño en forma de cruz, onde vai apoiado o aliviadoiro, que regula ao xirar a subida e baixada da moa sobre o pé.

      Sinónimos: cruceta.
  1. s f

    Sinal ou marca formada por dous trazos que se cruzan perpendicularmente e que se emprega con distintos valores, entre outros, como sinatura, símbolo matemático ou marca de falecemento.

    Ex: Mandoume facer unha cruz nos sacos que levaban fariña de millo.

  2. [HERÁLD]
    1. s f

      Peza honorable que resulta da unión do pau e da faixa. Para distinguila das outras formas de cruz recibe, ás veces, o nome de cruz plena ou chea, cando os seus catro extremos tocan os bordos do escudo, e cruz abscisa, se non os tocan.

    2. cruz acurtada

      Cruz que non alcanza o extremo do escudo.

    3. cruz aguzada

      Cruz cos extremos puntiagudos.

    4. cruz ancorada/de áncora

      Cruz cos brazos rematados en puntas curvas parecidas a áncoras.

    5. cruz anelada

      Cruz cos brazos terminados en forma de aneis de chaves, de xeito que se ve, ao seu través, o campo do escudo.

    6. cruz apuntada

      Cruz cos extremos rematados en cabeza de cravo.

    7. cruz arcebispal

      Cruz con dous traveseiros na que o inferior é meirande ca o superior, símbolo dos arcebispos.

    8. cruz armiñada/de armiños

      Cruz grega cargada de catro colas de armiño entrelazadas.

    9. cruz aspa/de santo Andrés/de santa Baia

      Cruz resultante da unión dunha banda e dunha barra. En latín recibía o nome de crux decussata.

    10. cruz axedrezada

      Cruz dividida en casas a xeito de xadreces, sen chegar ao bordo do escudo.

    11. cruz baleira

      Cruz debuxada de perfil, de xeito que se ve dentro o campo do escudo.

    12. cruz bastonada

      Cruz que ten uns paos na súa parte principal.

    13. cruz bordada

      Cruz que ten unha cinta ou galón de diversa cor.

    14. cruz bordonada

      Cruz adornada nos seus ángulos cuns globiños semellantes aos botóns dun bordón.

    15. cruz bretesada

      Cruz que ten saíntes nos bordos a xeito de ameas.

    16. cruz cabria

      Peza composta que resulta de substituír o extremo inferior da cruz por unha cabria.

    17. cruz cantonada

      Cruz ornada nos seus extremos por figuras que enchen o oco do escudo.

    18. cruz celta/céltica

      Cruz latina de pau e brazos intersecados por un círculo.

    19. cruz cernada

      Cruz cos brazos rematados en losanxes, de xeito que o eixe meirande vai en horizontal.

    20. cruz composta

      Cruz dividida en dúas ou máis partes esmaltadas en distintas cores.

    21. cruz cordonada/cableada

      Cruz que parece formada polos fíos dun cordón en torsión.

    22. cruz cruzada/recrucetada

      Cruz que ten os extremos acabados en pequenas cruces.

    23. cruz cuarteada

      Cruz partida, de arriba a abaixo e de dereita a esquerda, en catro cuarteis de esmalte, cor ou metal diferentes.

    24. cruz da Resurrección

      Cruz latina co pau moi alongado que une a hasta cunha bandeirola de prata cargada dunha cruz de goles.

    25. cruz das catacumbas

      Representación gráfica do monograma de Cristo mediante unha cruz latina, cun traveseiro vertical que representa a letra grega rho.

    26. cruz de Alcántara

      Cruz grega floronada de sinople aberta, insignia da orde de Alcántara.

    27. cruz de avelás

      Cruz formada por catro avelás heráldicas unidas pola base.

    28. cruz de Borgoña

      Cruz aspa, decotada, insignia da casa de Borgoña.

    29. cruz de Calatrava/de Avís

      Cruz grega floronada de goles moi aberta, insignia da orde de Calatrava. 

    30. cruz de Caravaca

      Cruz patriarcal, xeralmente sostida por dous anxos situados nas dúas bandas da parte inferior do pao, insignia da orde de Caravaca.

    31. cruz de cinco brazos

      Cruz, xeralmente ensanchada, con cinco extremos radiais, curvilíneos e cóncavos.

    32. cruz de Constantino

      Cruz grega floronada de goles co monograma de Cristo sobreposto, de prata.

    33. cruz de crismón

      Cruz formada polo cruzamento das letras gregas X e P, as primeiras do nome de Cristo.

    34. cruz de chanzos

      Cruz que ten as súas aspas descansando en bases formadas amodo de chanzos.

    35. cruz de Danebrog

      Cruz latina ensanchada, curvilínea e cóncava, de prata.

    36. cruz de doce puntas

      Cruz grega ensanchada, normalmente recta, trifurcada.

    37. cruz de hélice

      Cruz en forma de hélice de catro paos.

    38. cruz de Lorena

      Cruz patriarcal, xeralmente de prata. Os duques de Lorena engadírona como badge ás súas armas. Durante a Segunda Guerra Mundial foi símbolo da Francia libre e, posteriormente, do partido gaullista.

    39. cruz de Malta/de San Xoán de Xerusalén

      Cruz ensanchada de oito puntas, de prata.

    40. cruz de Montesa

      Cruz semellante á de Calatrava, pero de sable e cargada dunha cruz grega de goles, de brazos iguais, non floronada.

    41. cruz de oito puntas

      Cruz ensanchada, normalmente recta, bifurcada.

    42. cruz de palmas

      Cruz formada por catro palmas.

    43. cruz de san Lázaro

      Cruz de oito puntas, de sinople.

    44. cruz de san Mauricio

      Cruz grega trevoada, de prata.

    45. cruz de san Pedro

      Cruz latina ranversada ou invertida.

    46. cruz de san Xián

      Cruz aspa recruzada de sable.

    47. cruz de san Xoán Bautista

      Cruz plena de prata sobre fondo de goles.

    48. cruz de san Xurxo de Alfama

      Cruz plena de goles sobre fondo de prata.

    49. cruz de santa Xulia

      Cruz de santo Andrés recruzada.

    50. cruz de Santiago

      Cruz latina de goles en forma de espada cos extremos do traveseiro e a empuñadura flordelisados e o brazo inferior terminado en punta de lanza. É o símbolo da orde de Santiago, fundada en 1161 para defender os peregrinos que chegaban a Compostela dos ataques musulmáns. Tamén distingue o cabido da SAMI catedral de Santiago.

    51. cruz de santo Andrés

      Cruz aspa, de goles.

    52. cruz de santo Estevo

      Cruz de oito puntas, de goles.

    53. cruz de Sobrarbe

      Cruz ensanchada e fixada cunha punta de prata.

    54. cruz de tau/de santo Antón

      Cruz latina que carece de extremo superior; no seu lugar, ten unha asa ou anel. En latín chamábase crux commissa.

    55. cruz de tau bífida/de ípsilon

      Cruz de tau cos brazos bifurcados cara a arriba ou en forma de Y. 

    56. cruz de Xerusalén/de Terra Santa/do Santo Sepulcro

      Cruz grega potenzada e abscisa, cantonada de catro cruces iguais, pero de menor tamaño, a xeito de puntas de frecha, xeralmente potenzadas. Esta cruz, de ouro sobre campo de prata, constitúe o escudo do Reino de Xerusalén.

    57. cruz decotada/demoucada/ebrancada

      Cruz formada por dous troncos cruzados, coas pólas arrincadas pero coas esgazaduras á vista.

    58. cruz dentada/anglesada

      Cruz que ten o bordo do pau e a faixa recortados por semicircunferencias tanxentes, a xeito de dentes de serra.

    59. cruz do Calvario

      Cruz latina con tres chanzos.

    60. cruz do Espírito Santo

      Cruz patriarcal coas extremidades ancoradas.

    61. cruz dobre

      Cruz latina cos dous traveseiros iguais na súa parte superior.

    62. cruz ecotada

      Cruz que aparenta estar formada por troncos cruzados.

    63. cruz en punta fixa

      Cruz que ten o pé acabado en punta.

    64. cruz encadrada

      Cruz grega que ten os brazos saíndo dun cadrado central.

    65. cruz ensanchada/ patada/paté

      Cruz que ten os brazos ensanchados cara ás extremidades.

    66. cruz entada

      Cruz que se compón de pezas arredondadas encravadas unhas nas outras.

    67. cruz espiñosa

      Cruz formada por espiños.

    68. cruz espiral

      Cruz grega cos brazos recollidos por cintas en espiral.

    69. cruz estreita

      Peza pequena equivalente á cruz plena, pero reducida á metade do seu ancho real.

    70. cruz estrelada

      Estrela de catro puntas, curvilíneas ou non, que poden tocar as beiras do escudo.

    71. cruz exipcia

      Cruz de tau rematada en asa. Tamén se denomina ankh. En latín recibía o nome crux ansata; de aí que tamén se coñeza co nome de cruz asada.

    72. cruz flordelisada

      Cruz que ten os brazos terminados en flores de lis nacentes.

    73. cruz florenzada

      Cruz coas extremidades rematadas de forma curvilínea.

    74. cruz floronada

      Cruz que ten os extremos rematados en floróns.

    75. cruz fretada

      Cruz que ten os brazos con enreixados en forma de celosía.

    76. cruz furada/afuracada

      Cruz cadrada co cadro central baleiro. 

    77. cruz gallada/bipartida

      Cruz cos brazos terminados en tres puntas, formando ángulos entrantes, semellantes a forquitas.

    78. cruz gammada/esvástica

      Cruz grega cos catro brazos acobadados en ángulo recto, coa forma da letra grega gamma maiúscula ou de escuadra e cos dous brazos de igual lonxitude. Aparece na Idade do Bronce, posiblemente simbolizando a rotación diúrna do Sol. Os nazis alemáns escollérona como símbolo do seu partido e emblema do III Reich. Por extensión quedou vinculada ás correntes de extrema dereita.

    79. cruz gammada aguda

      Cruz gammada de ángulos agudos e cos segmentos acobadados máis curtos.

    80. cruz granada

      Cruz cos brazos formados por granadas xustapostas.

    81. cruz grega

      Cruz cos catro brazos da mesma lonxitude. En latín recibía o nome de crux quadrata, de aí que tamén se coñeza como cruz cadrada.

    82. cruz hugonota

      Cruz de oito puntas, coas dúas inferiores sostendo unha pomba despenada que representa o Espírito Santo.

    83. cruz india

      Cruz grega cos brazos serpentiformes.

    84. cruz lanceolada

      Cruz coas extremidades en forma de triángulo.

    85. cruz latina/longa/da Paixón

      Cruz co traveseiro situado a tres cuartas da altura do pao. Ten os brazos laterais de igual lonxitude ca o superior e con dobre longo o inferior, pero ningún deles leva adorno. En latín recibía o nome de crux inmmissa ou crux capitata, de aí que tamén se coñeza como cruz capitada.

    86. cruz laureada

      Cruz formada por catro espadas coas puntas cara a fóra, rodeadas de loureiro.

    87. cruz nodosa

      Cruz que ten árbore e brazos con nós e desigualdades a xeito de tronco rústico.

    88. cruz occitana/de Toulouse

      Cruz tricúspide, baleira e pometada de ouro en cada unha das tres puntas de cada brazo. 8

    89. cruz papal

      Cruz longa de tres paos, de lonxitude crecente, o superior máis curto ca o inferior.

    90. cruz patriarcal

      Cruz dobre co pau inferior paralelo pero máis longo ca o superior, deste xeito os dous traveseiros forman catro brazos.

    91. cruz pisana

      Cruz xeralmente latina e clavicular, tricúspide, pometada de prata. É o emblema da cidade de Pisa.

    92. cruz pometeada

      Cruz cos brazos rematados nunha bóla.

    93. cruz potenzada/de potenza

      Cruz cos brazos iguais e cuns traveseiros curtos nas súas extremidades semellantes a cruces de santo Antón, porque a levaban os comendado­res desta orde no peito e na capa, así como os familiares e dependentes da orde de san Xoán. Segundo a lenda, adoptouse esta forma de cruz porque nunha das visións do Apocalipse, entrou na cidade un notario que, por orde do Señor, foi sinalando cunha tau os xustos, para poder distinguilos dos culpables na destrución; deste xeito, significa ‘elixido por deus’.

    94. cruz portada

      Cruz latina posta en banda.

    95. cruz recruzada

      Cruz composta por dous traveseiros, na que o de abaixo é meirande ca o de arriba. Chámase cruz patriarcal nos escudos flamengos e alemáns, e cruz de Lorena nos franceses.

    96. cruz resarcelada

      Cruz semellante á ancorada pero coas puntas máis retortas.

    97. cruz rusa

      Cruz patriarcal cun terceiro brazo inclinado en banda.

    98. cruz serpenteada/gringolada

      Cruz cos brazos rematados en cabezas de serpe ou víbora.

    99. cruz sinxela

      Cruz dunha soa cor sen ningún carácter especial.

    100. cruz teutónica

      Cruz longa latina ensanchada e cóncava, de sable e perfilada en prata.

    101. cruz trevoada/de san Lázaro

      Cruz cos catro brazos rematados en follas de trevo.

    102. cruz tricúspide

      Cruz que, nos seus extremos, termina en tres puntas, para simular a forma dunha caraveliña de catro follas.

  3. [HERÁLD]
    1. s f

      Condecoración en forma de cruz ou de estrela usada por certas ordes, correspondente a determinadas distincións oficiais.

    2. cruz sinxela

      Distinción básica das ordes estruturadas xerarquicamente en varias categorías.

    3. gran cruz

      Máxima distinción de certas ordes estruturadas xerarquicamente en varias categorías, como a de Carlos II, san Fernando ou san Hermenexildo.

  4. s f [NUMIS]

    Reverso dunha moeda, que xeralmente leva unha cruz ou unha división cuarteada do fondo, onde ten o nome. Adoita empregarse nos sorteos aleatorios nos que se bota unha moeda ao aire.

  5. s f [ZOOL]

    Parte do lombo dos cuadrúpedes na que os ósos das extremidades anteriores se cruzan co espiñazo. A distancia deste punto ao chan, coñecida como altura na cruz, é un parámetro fundamental na descrición destes animais.

  6. s f [BOT]

    Punto do que parten as pólas principais dunha árbore.

  7. s f

    Pasador de madeira, xeralmente de carballo, que se emprega para reforzar as chedas do carro ou as orelleiras do arado.

  8. s f [MAR]

    Parte central da verga de figura simétrica e, tamén, da vela que se enverga.

  9. s f [TÉXT]

    Conxunto de dous ou tres listóns ou barras nos que se cruzan os fíos da urdime para mantelos separados e na posición debida, entre o antepeito de atrás e os lizos. Tamén se utiliza para atopalos máis facilmente se rachan durante a operación do tecido.

  10. s f

    Padecemento moral ou físico que é causa de sufrimento para alguén durante toda a súa vida.

    Ex: Teño unha boa cruz coa sogra que me tocou!

    Antónimos: sorte. Confrontacións: desgracia.
  11. sinal da cruz [RELIX]

    Xesto en forma de cruz que se fai sobre un mesmo ou sobre outra persoa. Outra forma, máis universalizada, consiste en levantar a man dereita, estendida, dende a fronte ata o peito e dende o ombreiro esquerdo ao dereito. Vai sempre acompañado das palabras: “no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo”.

    Ex: Fixo o sinal da cruz ao entrar na igrexa.

  12. cruz dos cadrís [ANAT]

    Parte do lombo na que os ósos das extremidades inferiores se cruzan coa columna vertebral.

    Sinónimos: cruceta.

Frases feitas

  • Andar coa cruz ao lombo. Soportar os infortunios.

  • Axudarlle a levar a cruz a alguén. Socorrer a alguén.

  • Estar/verse alguén entre a cruz e o caldeiro. Estar/ verse nunha situación moi difícil.

  • Facer(se) cruces. Quedar abraiado por algo.

  • Pasar a cruz de ferro. Ser experimentado nalgunha cousa.

  • Querer alguén levar a cruz e mais o caldeiro. Querer atender dous asuntos á vez.