cuco -ca

cuco -ca

(

    1. s m

      Ave pertencente aos xéneros Clamator, Coccyzus e Cuculus, da familia dos cucúlidos, de cola grácil e alas longas, con dous dedos cara a diante e dous cara a atrás. Algunhas especies son parasitas doutras aves. Os machos, de aspecto semellante ao das femias, emiten un canto monótono e repetitivo.

    2. cuco americano

      Ave do xénero Coccyzus, de 30 cm de lonxitude, de cor acastañada nas partes superiores e abrancazada nas inferiores. Vive nos bosques americanos e aparece como ave divagante en Europa. Comprende o cuco americano biquinegro (C. erythrophthalmus) e o cuco americano biquiamarelo (C. americanus).

    3. cuco papudo/ cuco real [Clamator glandarius, Fam dos cucúlidos]

      Ave de 38 cm de lonxitude que presenta unha curupela e as partes superiores de cor acastañada, distribuída pola maior parte de África e a conca mediterránea. En Galicia está presente na metade sur do país, especialmente na costa, onde ten como límite o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán.

    4. cuco común [Cuculus canorus, Fam dos cucúlidos]

      Ave de 33 cm de lonxitude, de cabeza, peito e partes superiores cinsentas. Ten unha distribución paleártica e en Europa só está ausente do extremo norte. En Galicia parasita os carrizos, as lavandeiras brancas, os paporrubios, as azulentas e as papuxas encapuchadas. Como sinalaron Aristóteles, Plinio e outros autores da Antigüidade, o cuco aparece en Europa entre os meses de marzo e abril, na primavera, da que se considera mensaxeiro. No inverno non se ve porque parece ser que se transforma nun gabián ou nunha rola. Entre os campesiños de toda Europa dise que a femia do cuco non choca os ovos por falta de calor corporal. É a explicación que daba a bioloxía humoral e que aparece nas obras de Aristóteles e Eliano. Na literatura moralizante representa o preguiceiro. Covarrubias, citando autores romanos, di que é ave de mal agoiro para os esposos. En Portugal o seu canto tómase por sinal de infidelidade das mulleres, mentres que en Francia chámanlle cuco ao marido enganado. O cuco emite unha voz monótona. Nalgunhas partes de Europa crese que o demo, por ter fracasado no intento de dar vida a un paxaro cantor, creou o cuco. O número de veces que o cuco canta pode interpretarse como resposta numérica a diferentes cuestións como: os anos que restan para casar ou os cartos que deparará o futuro. Segundo a tradición popular, a primeira vez que se oe debe facerse con prata no peto e sen almorzar para que traia boa sorte. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cando canta o cuco logo vén o gran ao suco. Entre marzo e abril sae o cuco do cubil. Mentres canta o cuco, non comas raia nin polbo. Se marzo acabou e o cuco non chegou, algo ao cuco lle pasou. Cando oias o cuco cucar e a bubela abubelar, colle a túa cestiña e vai sementar. San Bieito, entran os cucos a eito. Canta o cuco, tempo enxuto. Cuco, cuco, rabo de raposa Cantos anos faltan para a miña voda? Cuco que estás no outeiro Cantos anos me dás de solteiro? Cuco-rei, cucu-rei Cantos anos vivirei?”

    5. cuco pirincho [Guira guira, Fam dos cucúlidos]

      Ave de 37 cm de lonxitude que habita chairas herbosas con árbores dispersas de Bolivia, Paraguay, Brasil e Arxentina. Forman grupos de ata 10 individuos e constrúen o niño entre varias parellas, onde as femias poñen os ovos xuntas.

    6. cuco satinado [Chrysocooccyx caprius, Fam dos cucúlidos] [ANIMAL/ORNIT]

      Ave de 18 cm de lonxitude, de dorso de cor do bronce e verde brillante, coas partes inferiores brancas raiadas de negro, a gorxa alaranxada e unha carúncula ocular de cor laranxa viva. Distribúese por toda a África subsahariana e polo sudoeste da Península Arábiga en sabanas e claros de bosques. É unha especie parasita de paxaros da familia dos ploceidos.

  1. adx e s

    Que ou quen consegue o que quere sen moito traballo.

    Ex: Sempre foi moi cuco á hora de repartir o traballo.

Frases feitas

  • Estar contento coma un cuco. Estar moi contento.

  • Non oír cantar o cuco. Non durar moito.

  • Ver alguén o cuco. Ver o perigo moi cerca.

  • Xa oíu cantar máis de catro cucos. Persoa ou cousa que xa ten moitos anos.

Palabras veciñas

Cucho, Atanasio | cuchocarneiro | Cuco | cuco -ca | Cuco, reino do | Cuco-Rei | Cucú, El