cultural
(
-
adx
Relativo ou pertencente á cultura.
-
cambio cultural
[SOCIOL]
Modificación da cultura polo transcurso do tempo. A idea de cambio cultural acadou un amplo abano de coñecementos na teoría sociolóxica, de maneira que as diversas correntes do pensamento sobre a sociedade trataron de atopar as principais pautas e os desencadeantes fundamentais do cambio cultural. Os primeiros teóricos do pensamento sobre a sociedade, Montesquieu e Adam Ferguson, aceptaron a idea de que a crenza no progreso podía determinar as pautas da evolución cultural da sociedade, feito que determinou a aparición de diversas teorías sobre a evolución da cultura, como as de Saint-Simon e Auguste Comte, que incluíu na súa dinámica social a necesidade dun cambio intelectual capaz de levar a sociedade a un estadio científico. As teorías marxistas fixeron depender a idea de cambio cultural do sistema de dominación imposto polas relacións de produción e as estruturas de clase. A escola elitista italiana, pola súa parte, entendeu a idea de cambio cultural dentro do ámbito do cambio social, que se precipitou polos cambios das elites dominantes no poder. A expansión da etnoloxía e da antropoloxía social fixo estender o abano de coñecementos sobre diversos aspectos -entre outros, a difusión de elementos culturais, a súa distribución xeográfica e ecolóxica, e a idea de aculturación. Do mesmo modo, no s XX o estudo do cambio cultural renovouse coa análise dos fenómenos ideolóxicos de Karl Mannheim e polo estudo da cultura de masa desenvolvido polos teóricos da escola de Frankfurt. Non se pode atopar unha idea conxunta de cambio cultural aceptada universalmente, aínda que o amplo espectro de teorías sobre o mesmo achegou un masivo enriquecemento da teoría sociolóxica contemporánea.