cunca

cunca

(

  1. s f
    1. Recipiente cóncavo con ou sen asas, de perímetro circular e de boca ancha, que se utiliza para beber ou tomar alimentos líquidos. Na tradición oral recóllense ditos como: “A cunca chea os ollos alegra. Cunca de moitos, ben lambida e mal lavada. Por cunca de leite, o aldeán quer cunca de aceite. Se a cunca é capaz, e o viño ricaz, comamos e bebamos e teremos a festa en paz”.

      Ex: Comprou media ducia de cuncas para viño.

      Sinónimos: conca. Confrontacións: conco, cunco.
    2. Cantidade de substancia que cabe no interior dunha cunca.

      Ex: Bebeu dúas cuncas de viño despois de xantar.

      Sinónimos: conca, concada, cuncada.
  2. s f
    1. Espacio, superficie ou oco que forma unha cavidade.

      Ex: Traía un parruliño na cunca da man.

      Sinónimos: conca.
    2. [ANAT]

      Cavidade dentro da que se localiza o ollo.

      Sinónimos: conca.
    3. Peza de madeira, cun buraco no medio para a roda, coa que se tapa a ola cando se maza o leite.

      Ex: Ó mazar o leite, ponlle a cunca para que non bote por fóra.

      Sinónimos: conca.
  3. s f [METROL]

    Medida de capacidade para áridos equivalente a 1/16 de ferrado.

    Sinónimos: conca.
  4. s f [XEOG]

    Depresión de orixe estrutural entre montañas.

    Sinónimos: conca.
  5. s f [XEOG]

    Depresión no fondo dos océanos de grande extensión e relevo uniforme.

    Sinónimos: conca.
  6. s f

    Termo do latín dos chafoutas ou xerga dos albaneis que corresponde á voz ‘tella’.

  7. [XEOG]
    1. cunca de recepción

      Parte alta dun torrente ou río, de forma máis ou menos triangular, na que se reúnen as augas seguindo unha rede de sucos converxentes ata formar a canle de corrente ou o curso medio do torrente.

    2. cunca fluvial

      Territorio que resulta drenado por un mesmo río e a súa rede de afluentes.

  8. cunca do grode

    Termo do latín dos chafoutas ou xerga dos albaneis que corresponde á voz ‘cunca’.

  9. cunca mineira [XEOG/IND]

    Filón extenso ou grupo de filóns explotados por diversas minas que constitúen unha unidade xeolóxica e xeográfica. As cuncas mineiras establécense en relación con filóns onde hai unha grande abundancia de mineral valioso e, sobre todo, cunha elevada concentración. O seu establecemento tamén depende das características que posúen as explotacións (construción de pozos e galerías ou ben extracción a ceo aberto), así como da situación xeográfica, as comunicacións, etc. O factor económico é fundamental para as explotacións; búscanse sobre todo os traballos a ceo aberto, evítanse as obras de extracción custosa e procúrase o desenvolvemento para a transformación e a refinación máis inmediatas do mineral, para abaratar o transporte e evitar as manipulacións innecesarias. Así, moitas grandes cuncas mineiras constitúen unha unidade xunto coa industria transformadora dos minerais e a que os utiliza.

  10. cunca sedimentaria [XEOL]

    Depresión dentro da que se depositan os sedimentos e na que se forman, ás veces, series moi potentes.

  11. técnica de cunca/aresta

    Sistema de esmaltación cerámica que consiste na colocación dos vernices sobre os ocos ou cuncas que se realizaron na arxila antes da cocción e que impiden a mestura de cores.

Formas incorrectas

taza

Palabras veciñas

Cunard, Samuel | Cunaxa | cuñaxe | cunca | cuncada | cuncha | cunchado -da