Darmstadt
Cidade do land de Hessen, Alemaña, ao S de Frankfurt do Main, entre o macizo de Odenwald e o Rin (137.876 h [1998]). Importante núcleo industrial, a súa economía está moi diversificada e destaca nela a estreita colaboración entre a investigación científica e a industria. Os sectores máis importantes son a química e a metalurxia. Fundada no s XI, en 1330 recibiu o título e privilexios de cidade. Os landgraves de Hessen, señores da cidade desde 1479, convertérona na súa capital en 1567. Foi un gran centro cultural nos ss XVIII e XIX. Do seu patrimonio cultural destacan a Ludwigssäule (1844), columna conmemorativa en recordo do gran duque Luís I, o palacio residencial de Darmstadt, a Ludwigskirche (1822-1827) e o barrio de Mathildehöle onde está a Künstlerkolonie, unha colonia de artistas formada por casas modernistas.