Das cousas de Ramón Lamote
Obra de Paco Martín publicada en 1985 que conseguiu o Premio O Barco de Vapor (1984), o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria (1985) e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1986). Ademais en 1986 formou parte da Lista de Honra do IBBY e en 1988 foi seleccionada para a lista White Ravens da Biblioteca de Múnic. Traducida ao asturiano, castelán, catalán e éuscaro, nela cóntanse, a través de oito relatos nos que se mesturan fantasía, realidade, tenrura, humor, absurdo e certo espírito crítico, retallos da vida de Ramón Lamote Miñato, profesor de chairego e debuxante de soños por encargo que representa unha forma de ser e de entender a vida baixo do seu espírito irónico e retranqueiro. Por medio deste personaxe sábese da chegada do Reparante á cidade, un misterioso ser que fala en chairego antigo e que só esperta cada seiscentos noventa e seis anos, e cómo Lamote intenta avisar o Rexedor. A nova esténdese decontado pola cidade e todos se preparan para a súa chegada sen facer caso das advertencias de Lamote sobre o erro na data. Reflite tamén as dificultades coas que se atopa un home educado como Lamote cando quere subir unha escaleira obstruída por unha señora gorda; da necesidade de inventar entomodelfos ou marmolubios para saír dunha situación apurada e deixar en evidencia a ignorancia xeral; da posible utilidade que se pode atopar nun obxecto tan aparentemente inútil e molesto como un tubo que aparece de súpeto na beirarrúa; e da busca de distraccións para os conveciños, como a necesidade de inventar unha carreira de nubes. Lamote demostra cómo a xente pode vivir nun mundo cheo de rituais sen sentido e é incapaz de recoñecer con humildade a súa ignorancia. A través dos diferentes episodios configúrase a complexa psicoloxía do personaxe e mostra un ton de crítica social, moitas veces de forma moi subliminal.