Das últimas mareas
Poemario publicado por Ana Romaní en 1994. Obra de carácter intimista e temática amorosa e existencial, tenta atopar unha linguaxe poética innovadora que reflicta unha nova mentalidade sobre a muller. De aí, a reelaboración de tópicos literarios con valores diferentes dos que sinala a tradición: as historias míticas de Penélope e Ulises, o río, a auga, o mar, o tecer, etc. Neste sentido, a simboloxía mariña que emprega, presente xa no seu primeiro libro Palabra de mar (1987), amosa significativas coincidencias coa de Cristina Peri Rossi nos poemas de Descripción de un naufragio (1975) e coa de Carme Riera en relatos como “Te deix, amor, la mar com a penyora” e “Jo pos per testimoni les gavines”. Na súa construción dun eu lírico feminino propio, entronca tamén coa poética de soidades, sombras, derrotas e desterros de Emily Dickinson e Edith Södergran, ás que se lles engade a figura de Rosalía de Castro e outras voces máis achegadas no tempo, como a de Xohana Torres en Tempo de ría. O percorrido poetiza o desencontro amoroso, a soidade radical e a perda irreparable, pero tamén apunta ao esquecemento, á fuxida cara a adiante e ao imposible retorno ao pasado. O eixo central é a figura de Penélope, alter ego feminino de Ulises, que permite a reapropiación do mito clásico, desde unha perspectiva diferente á masculina. A espera de Penélope preside o libro desde a primeira parte, titulada “Dos camiños dispersos”, que incorpora implicitamente a idea de viaxe, tradicionalmente asociada a Ulises. O constante tecer e destecer de Penélope, a súa espera sen data polo regreso de Ulises representa o movemento como resultado do constante fluír do tempo e asóciase ao movemento marítimo, ao sal, ao devalar das mareas, ao naufraxio. Hai unha reflexión sobre o valor da palabra poética e nos dous poemas iniciais o eu lírico pronúnciase sobre a inutilidade, pero tamén sobre o inevitable da paixón poética e defende a necesidade de levar adiante a introspección literaria polos camiños do labirinto emocional. No tocante á lingua, decántase por unha expresión sobria, contida, que busca a contundencia do poema curto e da palabra espida e directa.