De Pondal a Novoneyra
Ensaio publicado por Xosé Luís Méndez Ferrín en 1984, fundamental no terreo da crítica literaria moderna, na medida en que foi o primeiro estudo sistematizado da poesía galega de posguerra. Remonta a orixe da poesía galega do s XX á obra de Eduardo Pondal e establece unha clasificación dos autores por xeracións. Así mesmo, inclúe notas bibliográficas e críticas, abundantemente documentadas sobre os escritores da posguerra ata a súa xeración. O criterio organizador escollido considera o devir histórico e a data de nacemento, de xeito que establece cortes cada dez anos, a partir da década de 1860; ao mesmo tempo, realiza análises detalladas de tendencias e autores para lexitimar a opción escollida. Por orde cronolóxica, propón as seguintes divisións: Escola Formalista (Pondal, Lugrís Freire, Martelo Paumán, Leiras Pulpeiro, etc); Xeración Antre dous Séculos (Noriega Varela, Cabanillas, Álvarez Limeses, etc); Xeración Nós (Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Antón Villar Ponte, Castelao, Losada Diéguez, etc), Xeración de 1925 (denominación herdada de Bal y Gay, que Arcadio López Casanova converteu en Xeración de 1922, na que destacan a aparición do manifesto Máis alá!; Pimentel, Bouza-Brey, Amado Carballo, Manuel Antonio, etc); Xeración de 1936 (Luís Seoane, Carballo Calero, María Mariño, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, etc); Promoción de Enlace (Antón Tovar, Luz Pozo Garza, Neira Vilas, José Ángel Valente, etc) e Xeración das Festas Minervais (Manuel María, Novoneyra, Xohana Torres, Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, etc). Aínda que en liñas xerais se acepta a súa clasificación sen cuestionamentos, no tocante ás tres últimas xeracións, X. M. Álvarez Cáccamo e C. L. Bernárdez consideraron máis apropiado ampliar o criterio da data de nacemento a quince anos, seguindo a teoría clásica de Petersen, co que a chamada Promoción de Enlace desaparece dividida entre a Xeración do 1936 e a das Festas Minervais. Hai que sinalar tamén a súa análise das diferentes tendencias cultivadas pola Xeración do 1936: imaxinismo, neotrobadorismo, ruralismo, clasicismo, socialrealismo e intimismo. En definitiva, a súa obra constitúe unha visión autónoma da literatura galega, á marxe da literatura española, punto de referencia habitual dos estudios precedentes.