definición
(
-
s
f
Acción de definir ou definirse.
-
[LING]
-
s
f
Expresión que delimita e describe o significado dun definiendum (‘o que ten que ser definido’), presentando un equivalente definiens (‘o que define’), e pola que se crea un obxecto determinado de pensamento.
-
definición antonímica
Definición na que o definiendum se explica polo seu contrario. Neste tipo de definicións intervén un negador sintáctico (non) e un excluínte que debe pertencer á mesma categoría gramatical ca o definiendum. Por exemplo, solteiro ‘que non está casado’ ou insolidario ‘que non é solidario’.
-
definición aristotélica/hiperonímica/inclusiva
Definición na que o descritor é o hiperónimo do definiendum. Por exemplo, cando se define cunca co hiperónimo recipiente ou boi co hiperónimo animal.
-
definición circular
Definición defectuosa na que o definiendum e o definiens se remiten reciprocamente. Por exemplo, concluír ‘realizar unha conclusión’ e conclusión ‘acción de concluír’.
-
definición enciclopédica/descritiva/extensa
Definición que informa sobre as cousas, describe procesos, explica ideas ou conceptos e proporciona outros datos de interese que permiten distinguir o definiendum de calquera outro termo que se lle poida parecer. É unha definición característica das enciclopedias.
-
definición extensional
Definición dada pola enumeración dos obxectos denotados polo definiendum, oposta a definición intensional. Por exemplo, a definición extensional de estudiante vén dada pola relación de todos (do conxunto/da clase) aos que se lles pode aplicar o concepto estudiante.
-
definición impropia
Definición que non cumpre a lei da sinonimia, xa que non define senón que explica qué é o definiendum desde o punto de vista gramatical. As palabras gramaticais e as interxeccións adoitan estar definidas deste xeito. Por exemplo, ca! ‘exclamación que indica negación do que se acaba de afirmar ou incredulidade’.
-
definición intensional
Definición dada pola enumeración das propiedades ou características que corresponden ao definiendum, oposta a definición extensional.
-
definición lingüística/léxica/lexicográfica
Definición que informa sobre as palabras, non sobre as cousas nin sobre os conceptos. Na definición establécese unha relación entre tres termos: o definido ou definiendum (formado pola unidade léxica que constitúe a entrada), o xenérico (descritor ou concepto de contido xeralmente máis amplo ca o definido que serve para introducir a definición) e o diferenciador ou especificador (limita a extensión do xenérico para que conveña exactamente ao definido). Así, o definiendum carozo defínese co termo ‘parte interior’ (xenérico), e a expresión ‘que queda da espiga do millo logo de lle quitar os grans’ (diferenciador). Unha definición ben construída debe ter en conta a propiedade dos termos xenérico e diferenciador polo que debe conter dous elementos esenciais: o xénero próximo e a diferenza específica. Así, o termo xenérico (descritor) de banqueta debe ser ‘asento’ e despois xa se establece o diferenciador que lle convén ao definido e xa se explicitan as calidades polas que ese obxecto se distingue doutro semellante (‘pequeno, de tres ou catro pés, sen respaldo e de pouca altura que serve para sentarse ou apoiar os pés’). Para que unha definición resulte aceptable debe cumprir certas calidades, entre as que destacan a concisión (a definición só debe conter os caracteres esenciais da unidade léxica que se define, expresada nunha soa oración ou período), compleción (a definición debe ser suficiente, non completa nin exhaustiva, é dicir, que se constrúa por medio dos especificadores necesarios que a diferencien do resto) e circularidade (o definiendum e o definiens deben ser intercambiables en situacións normais de lingua, sen que se produzan cambios de significados).
-
definición lóxica
Definición que describe a realidade designada pola palabra de entrada comezando polas características máis xerais e rematando polas máis concretas. Só se aplica á categoría substantivo.
-
definición metonímica
Definición que se aplica a palabras que nomean partes dun todo. Por exemplo, roda (dun vehículo) ou corredor (dunha casa).
-
definición morfosemántica
Definición na que se establece unha identidade de contidos, apoiada nunha identidade parcial da forma, cando a entrada é un composto ou derivado. Por exemplo, en carboeiro ‘persoa que fai, vende ou traballa con carbón’ ou en caloso ‘que ten calos ou durezas’, carbón e calo(s) representan tanto pola forma coma polo sentido a base léxica, mentres que os demais elementos explicitan os valores semánticos contidos nos sufixos.
-
definición nominal
Definición na que o definiens só explica o significado do definiendum con sinónimos ou antónimos.
-
definición operacional/operativa
Definición que indica as operacións que producen ou coas que se logra o definido.
-
definición ostensiva
Definición que emprega como definiens exemplos concretos do definiendum. Por exemplo, cinsento ‘de cor parecida á da cinsa’.
-
definición propia
Definición que cumpre a lei de sinonimia, é dicir, explica qué significa (non qué é) o que se está a definir. Por exemplo, calcetar ‘rozar os pés porque se anda coas pernas para dentro’.
-
definición real
Definición na que o definiens determina a natureza e a esencia do definiendum. Debe conter o xénero próximo e a diferencia específica. Por exemplo, cabra ‘animal (xénero próximo) mamífero (diferencia específica)’.
-
definición recursiva
Definición que se basea na aplicación recursiva dun mesmo criterio inicial. Bar-Hillel destacou a importancia deste tipo de definicións para as ciencias empíricas.
-
definición redundante
Definición na que se recollen datos xa expresados explícita ou implicitamente.
-
definición relacional
Definición que non remite á substancia do contido, senón á relación entre o definiendum cualificante e outra palabra cualificada. Só se pode aplicar ao adxectivo e ao adverbio e consta dun elemento transformador, que pode ser un pronome relativo ou unha preposición, que lle confire á palabra ou lexía que serve de definidor o carácter de adxectivo ou de adverbio. Por exemplo, de balde ‘de modo gratuíto, sen obter nada a cambio’.
-
definición substancial
Definición que comeza con calquera palabra ou construción sintáctica que non sexa un pronome relativo ou unha preposición. É a definición que se adoita empregar para as categorías semanticamente cargadas (substantivo, adxectivo, verbo e adverbio).
-
s
f
-
[RELIX]
-
s
f
Determinación conceptual dunha verdade ou dun contido doutrinal realizada por unha persoa competente na materia.
-
definición de fe/dogmática
Proposición explícita dunha verdade que a Igrexa, por medio do maxisterio extraordinario, presenta como obxectivo de fe divina e católica (eclesiástica), e que goza, ademais, das prerrogativas de infalibilidade e obrigatoriedade.
-
s
f
-
s
f
[FILOS]
Proposición que ten como obxectivo explicar as notas que corresponden a un concepto, segundo o seu significado (definición formal) ou segundo o seu contido (definición real).
-
s
f
[MAT]
Introdución dun novo concepto que fai referencia a conceptos anteriores xa definidos. Existen polo tanto os conceptos primarios ou non definibles, reducidos, en primeira aproximación, aos conceptos de conxunto, elemento e pertenza. Axiomatízanse estes conceptos primarios para evitar contradicións. Este proceso constitúe o obxecto da teoría de conxuntos.
-
s
f
[TECNOL/IMAX]
Fidelidade de reprodución dunha imaxe determinada polo número de liñas do sistema empregado. Distínguense os sistemas de baixa definición, con menos de 400 liñas, dos de alta definición, con 1.000 liñas como mínimo. Os sistemas máis comúns son os de 625 liñas (especialmente en Europa) e os de 525 liñas (en América).