Delta Amacuro
Delta Amacuro
Estado de Venezuela que se estende polo delta do río Orinoco, situada entre o golfo de Paria e o estado de Bolívar (40.200 Km2; 110.838 h [estim 1995]). A súa capital é Tucupita (40.946 h [1990]). No seu relevo destacan as chairas pantanosas do N e a serra de Imataca, que atravesa o S da zona. É un dos estados con menos poboación do país, cunha densidade de 2,3 h/km2, que se concentra fundamentalmente na capital. A base da súa economía é a agricultura (millo, plátano e froiteiras), a explotación da madeira e a pesca. Os principais portos pesqueiros son os de Tucupita, Pedernales e Curiapo. Na industria destacan os pequenos estaleiros e a salgadura de peixe.