Delta de l’Ebre, parc natural del
Zona do delta do Ebro, considerada espazo protexido desde 1983 e ampliada no ano 1986, cando se constituíu en parque natural. Cunha superficie total de 7.736 ha, comprende un variado conxunto de medios húmidos, entre os que destacan as zonas salobres, as dunas, os carrizais e os lagos de auga doce. Unha gran parte deste medio natural substituíuse por cultivos de arroz que ademais de ocupar unha grande extensión, supoñen un perigo para a fauna do contorno, debido ao emprego masivo de biocidas para controlar os insectos que se alimentan da planta do arroz. No delta existen máis de 515 especies de plantas e máis de 260 de aves tendo, o Delta de l’Ebre especial importancia como rexufio de aves invernantes, ata un 10% das anátidas da Península Ibérica, entre as que destaca o pato cullerete, o pato asubiador e o alavanco