1 demo
(
-
-
s
m
[ETN]
Personificación indeterminada das forzas da natureza ou da alma humana que encarna o Mal na tradición popular. No Antigo Testamento recibe o nome de Satanás, que a versión dos Setenta traduciu por διάβολος ‘calumniador, acusador’. Orixinariamente, aludía a calquera ser espiritual intermedio entre os deuses e os homes, eticamente neutral, sen significacións especificamente negativas, que tiña o seu ámbito de existencia e actuación fóra da Terra e do mundo dos humanos. Non obstante , co tempo foi desenvolvendo connotacións malignas; así, en diversos sistemas relixiosos e tradicións culturais, considérase que ten capacidade para influír nas actividades humanas con fins, polo xeral, malignos e destrutivos. En función desta dualidade, pode diferenciarse entre demos bos ou benévolos ou espíritos gardiáns ou custodios (como os δαιμον, seres inferiores aos deuses que guiaban e aconsellaban a Sócrates), que aparecían en certas relixións, como os anxos da garda e, no espiritismo, coma os mediums; e os espíritos doentes ou malévolos, ou axentes do Mal, creados para xustificar a existencia do mal no mundo e que, por influencia da mitoloxía zoroástrica e do xudaísmo tardío, cristalizaron dun xeito definitivo no cristianismo. Desde as antigas versións do mito de Fausto e Mefistófeles, ten sido constante a presenza do demo na literatura e cultura dos países cristiáns. Tradicionalmente, considérase como un anxo caído do Ceo por mor dun pecado de rebeldía e por presentarse perante Iavé para acusar o home. No xudaísmo ulterior dirixe o exército dos demos, pretende desacreditar os homes piadosos e mesmo tentar os anxos á rebelión. O libro da Xénese non fala de demo, senón de serpe. A orixe desta figura hai que buscala no intento do autor bíblico por refusar as concepcións dualistas das relixións circundantes, segundo as que se ha de atopar a orixe do Mal nun segundo principio, contraposto a Deus, o principio do Ben. Este intento de desmitificación é, paradoxicamente, o que xustifica toda a construción bíblica sobre os demos, que posteriormente levaría á concepción cristiá sobre os anxos e demos, presente tamén no Novo Testamento: Xesús é tentado polo demo, pero logra expulsalo; deste xeito, prevén o cristián na súa contra. Na mesma liña a Apocalipse axuda a configurar unha organización xerárquica dos demos, baixo a guía de Satanás ou Belcebú, príncipe dos demos e das tebras, que estende o seu dominio polo mundo ata a chegada definitiva do reino de Deus. No Novo Testamento, os demos aparecen como causantes de diversos tipos de posesión maligna e de enfermidades nerviosas e psíquicas, como a epilepsia e a loucura. A maioría dos elementos e características que se lle atribúen son símbolos do seu poder e intelixencia, e do seu carácter maléfico. O demo non podería ser o rival de Deus se non fose tamén sabio e poderoso, aínda que en menor grao; por iso comparte con el os símbolos do poder e da sabedoría (os cornos e a luz nos ollos) e recibe o nome de “anxo de luz, fillo da aurora”. O mesmo Cristo, o año de Deus, posúe os sete cornos da omnipotencia. O valor simbólico dos cornos nace da imaxe dos machos que turran ou cornean coa testa e cos cornos ata que un deles consegue a vitoria. Pero aínda que o demo e Cristo comparten estes símbolos de poder e intelixencia, empréganos de forma oposta: Deus é o señor do Ben e da Vida; o demo, da destrución, do pecado e da morte. O Apocalipse conta que na batalla que tivo lugar no Ceo, o arcanxo Miguel guindou o demo á Terra. A oposición dereita-esquerda tamén aparece cargada de simbolismo. A dereita, a man de uso habitual na vida profana e nos ritos relixiosos, queda asociada ao Ben; contrariamente, ao demo correspóndelle a esquerda. Por iso carece da man dereita e saúda coa esquerda, e marca os seus devotos no ollo ou no ombro esquerdos. Tamén na oposición home-muller o papel positivo recaeu no home e o negativo na muller, idea apoiada por moitos textos bíblicos. Segundo a Xénese foi unha muller a que orixinou o pecado no mundo. O mesmo san Paulo chega a afirmar que o home “é imaxe e reflexo de Deus; pero a muller é reflexo do home”. Ademais, o feito de que as bruxas sexan fundamentalmente mulleres débese a ese vínculo entre a muller e o Mal. O demo encarna, así mesmo, o espírito nocturno, feito que encaixa perfectamente coa oposición luz-escuridade, que establece tanto o cristianismo como outras moitas relixións. Do mesmo xeito que Xesús é a luz do mundo, o demo prefire a noite. Esta oposición correspóndese, ademais, coas cores branca-negra: a pureza fronte ao pecado. No seu arremedo da misa -que leva o significativo nome de “misa negra”- utiliza manteis e panos negros. Esta cor, ás veces, significa sucio, que é outro dos símbolos da impureza e do pecado. Asociado ao simbolismo da sucidade está o dos cabelos, por ser a parte do corpo que se ensucia con maior facilidade. O demo e as bruxas, ao seren sucios de espírito, tiñan necesariamente que ser peludos. Da mesma forma, os cans, os bodes, os gatos e demais animais nos que se encarna o demo adoitan ser especialmente peludos. Tamén os olores serven para representar o enfrontamento entre o Ben e o Mal: os bos cheiros fronte aos fedores. O demo deixa detrás de si un fedor horrible, normalmente a carne podre ou a xofre. Ademais, o demo, como señor da Morte, presenta un aspecto cadavérico e gosta dos cemiterios, ofrendas de ósos de defuntos e carnes putrefactas. Ao igual que podrecen os cadáveres, o ferro tamén se corrompe e se oxida, por iso os demos teñen algún membro deste metal. O ouro, pola contra, ao ser un metal precioso e inoxidable, asóciase ao Ben, sobre todo nos obxectos sagrados. Aínda que moitas veces o demo, a “serpe antiga”, se presenta perante os humanos co fin de os tentar, mediante o aspecto de bo mozo ou dunha moza atractiva, en realidade é un vello. Neste contexto, vellez non equivale a ancianidade sabia e prudente, senón a idade caduca, estéril e próxima á morte. Ademais, o demo cando foxe convértese a miúdo nunha nube de fume, e este elemento, por oposición ao aire e ao sopro -que representan a alma pura-, simboliza a espiritualidade caída, pesada, terrestre e negra do demo. Co gallo de cumprir co seu papel de tentador dos homes, posúe unha extraordinaria habilidade para o engano: sendo vello e feo, aparece como un mozo ou unha moza fermosos; sendo o inimigo dos cristiáns, adopta a figura de crego, frade, papa ou de Cristo; e sendo serpe, bode ou corvo, aparece como año, ovella ou pomba, animais puros e sacralizados.
Encarnacións en animais
O demo transfórmase en calquera animal que posúa algún dos trazos que o caracterizan: negro, nocturno, peludo, traidor ou cheirento. Dos numerosos animais que comparten algunha das características satánicas destaca o castrón. Así, nas descricións realizadas polos teólogos, nos aquelarres ou sabat cando o demo se dispón a recibir a adoración das bruxas represéntase en forma de macho cabrún barbado, maxestoso e fedorento. Dende a Antigüidade clásica, estre animal simboliza os excesos carnais (e mesmo a fecundidade), porque un só macho abonda para montar de oitenta a cen femias. Xa na Xénese a figura do demo foi identificándose progresivamente coa figura da serpe que provocou a caída e expulsión do home do Paraíso, e que, coma el, é fría, terrestre e mortífera. Tamén co aspecto de serpe aparecen a miúdo representadas as bruxas nos contos. O gato simboliza o demo e as bruxas polos seus ollos brillantes, por ser peludo e nocturno, e por ser luxurioso e “andar á xaneira”. As moscas, negras e afeccionadas á sucidade e aos cadáveres, tamén representan ese aspecto da personalidade do demo e das súas servas.
Lugares maléficos
A bruxería é a relixión mítica do Mal, que inverte os ritos e principios morais cristiáns, entre eles, os lugares e os tempos para o culto. Así, para os aquelarres, o deus do Mal e as súas servas prefiren, loxicamente, espacios e tempos con connotacións maléficas. Por iso o demo, sendo o deus da Morte, sente unha especial predilección polos cemiterios e polo mar profundo, escenario de múltiples naufraxios e mortes. A tradición bíblica sitúa nas súas augas o demo, e o Apocalipse profetiza que a Besta xurdirá do mar. Os desertos e os picos das montañas comparten o atributo satánico ao seren estériles. No Antigo Testamento servían de morada para os impuros demos que causaban enfermidades e mortes; se ás veces Deus revelaba neles a súa gloria era xustamente para demostrar o seu triunfo sobre os poderes maléficos. En Galicia, ao non haber verdadeiros desertos, as bruxas substitúenos por areais, praias e montes pelados.
Tempos satánicos
O demo e as bruxas realizan os seus ritos nunhas horas, nuns días da semana e nunhas datas determinadas, cargados de significado. En canto ás horas, escollen as doce da noite, por ser o momento máis “nocturno”, máis escuro e negro, isto é, o máis oposto ás doce do día, o de maior luminosidade e a hora do angelus. En canto aos días da semana, as bruxas concentran a súa máxima actividade nos venres e nos sábados, ao correspondérense coa loita entre o Ben e o Mal. Ao supoñer que os aquelarres se celebran o sábado equipáranse os bruxos cos tradicionais inimigos da fe cristiá, os xudeus, por iso, ao aquelarre tamén recibe o nome de sabat (šabbāt), que é o día sagrado dos israelitas consagrado a Iavé. Non obstante , no resto de Europa, os seres satánicos reúnense os venres, para maior ofensa a Xesucristo, pois neste día foi crucificado. O calendario satánico de festas elaborouse de acordo á mesma lóxica de enfrontamento. As bruxas celebran as vésperas de san Pedro, de Todos os Santos, de Nadal e, sobre todo, de san Xoán e san Silvestre (vésperas das principais festas cristiás), coa intención de ofender a Deus nos días nos que se vai manifestar a súa santidade. A especial carga máxico-relixiosa da noite de san Xoán débese a que coincide co solsticio de verán. No solsticio de inverno, o máis nocturno e, en principio, o máis maléfico, nace Cristo vencendo a noite e vencendo o Mal; a noite mala convértese en Noiteboa e as bruxas perden os seus poderes. Por contra, no solsticio de verán, no día de máis luz do ano e, en principio, o máis sagrado, as bruxas atacan con máis saña para intentar contrarrestar o poder sagrado, xogo simbólico nacido da permanente oposición entre o mundo do Ben e do Mal, da luz e das tebras.
Ritos
A relixión do Mal parodia os principais ritos cristiáns: o bautismo, as uncións e a misa. Ao igual ca o neno na celebración do sacramento bautismal renuncia ao demo, as bruxas, no seu arremedo de bautismo, empezan por renegar de Deus. Despois, o demo bautiza o novo servo e ponlle unha marca en forma de sapo ou de calquera dos animais satánicos, imitando o sinal que o bautismo imprime nos cristiáns. Os ungüentos que empregan as bruxas para voar son a copia invertida das uncións cristiás; prepáranos con graxa de sapo, po de rabo de lagarta e ósos de defuntos, é dicir, con animais satánicos e partes de cadáveres, feito que subliña a súa consideración como señor da Morte. As bruxas poñen as unturas nas mesmas partes do corpo que se poñen as uncións cristiás: nos pés, porque poden levar ao pecado; nos cinco sentidos, porque por eles entran os malos desexos e intencións; na fronte, que representa o entendemento; no peito, sobre o corazón, que representa a vontade. Con estas uncións non pretenden limpar o pecado senón “impurificarse”, “satanizarse”, é dicir, converterse verdadeiramente en bruxas, en espíritos malignos, e, como espíritos, dotados de natureza de fume, poden voar montadas en vasoiras e mesmo saír polas chemineas ou por buracos pequenos como os das pechaduras. A reunión, o aquelarre, é fundamentalmente un arremedo da misa, unha misa negra, con bailes e orxías. Os pecados sexuais que máis valora o demo entre os seus servos e servas é o adulterio e o incesto. El mesmo fornica coas bruxas de forma nefanda e perversa, pero ningún deles goza co acto, xa que o demo é un espírito e non sente os praceres da carne, e as vellas bruxas sofren cando as penetra.
Iconografía
Os demos tiveron abundante representación desde os tempos máis antigos. Pero a súa plasmación iconográfica é propia de etapas nas que a arte se afasta dunha visión realista e clasicista e aborda temas fantásticos. A forma máis corrente é a de réptil ou híbrido de animal e persoa, a miúdo alado e con cornos ou rabo; ás veces, con ás como de morcego e gadoupas de cabrón. Moitas veces represéntase de cor negra, verde ou vermella e cos ollos negros. Recoñécense polo fedor a xofre e para escorrentalo emprégase o sinal da cruz, auga bendita ou a invocación do nome de Deus, da nai de Deus ou dos santos. Para que apareza poden utilizarse determinadas prácticas, especialmente o círculo máxico con fórmulas invocatorias. Cando se mete nun corpo humano cómpre expulsalo mediante prácticas relixiosas, como o exorcismo, ou supersticións, coma os lazos de cores nos dedos das mans ou nas dedas dos pés; con cada lazo que o endemoñado tira expulsa o demo. O pacto co demo (asinado co sangue dos que asinan os contratos) outorga unha vida chea de riquezas e de praceres a cambio de entregar a alma trala morte. Á parte dos poderes malignos, atribúeselles facultades extraordinarias para construír grandes pontes ou edificios monumentais e transformar en carbón os cartos mal adquiridos. A súa cosmogonía está presente nas tradicións artísticas de moitos pobos do mundo. Nas tradicións de China, Xapón, Tibet, Xava e na India representábanse como figuras monstruosas e horribles, de pel escura, grandes bocas dentadas, e aspecto terrorífico. A tradición india caracterízase pola súa variabilidade, representándoos como figuras antropomorfas ou zoomorfas e, ás veces, con numerosas cabezas, pernas ou brazos. A escultura mesopotámica de Humbaba, elaborada entre o terceiro e o segundo milenio a C, está considerada como a súa representación más antiga. A figura do demo asirio Pazuzu e doutros demos da tradición mediooriental adoitan ter figura humana na parte superior do corpo, as extremidades en forma de gadoupas, e moitas veces levan ás. Mentres que as representacións iconográficas dos demos das tradicións xudía e islámica son practicamente inexistentes, a partir do s XII, fundamentalmente, desenvolveuse nos países de relixión e cultura cristiás un tipo de arte onde a representación do demo acadou unha gran relevancia como admonición fronte ao pecado e á tentación, e como recordatorio das penas infernais reservadas a quen cedese ante el. A partir dese momento compaxináronse as crenzas xeneralizadas sobre o aspecto físico do demo, as súas descricións literarias e as súas representacións iconográficas. Así, fíxose tópica a súa figura antropomórfica masculina, de gran delgadeza, escaso pelo, pel escura, brillante e metálica, ollos penetrantes, xesto maligno ou ameazante, cabeza dotada dun ou de varios pares de cornos, rabo e pezuños de animal. Na Idade Media aparecía en representacións relixiosas (xuízos finais, visións infernais, tentacións de santos, etc) como a materialización didáctica do Mal. Mentres que a arte románico o representou con figuras fortemente estilizadas e simbólicas, o gótico desenvolveu unha serie de ornamentos diabólicos, e esaxerou os aspectos grotescos e espantosos. O tema proliferou tamén nos ss XV e XVI en artistas aínda non influídos polo Renacemento, coma Schongauer, Bosch ou Grünewald. A pintura renacentista legou innumerables representacións diabólicas, entre as que destacan as do Bosco (Xardín das delicias, Alegoría do carro de feo, A tentación de santo Antón). No Romanticismo as representacións diabólicas empregáronse adoito para ilustrar obras literarias; deste xeito, naceu unha nova visión tópica do demo como mozo escolar e nigromante, que quedou reforzada co Fausto (1831) de Johann Wolfgang von Goethe, ou en pinturas de autores, como John Martin ou Eugène Delacroix. Xa a fins do s XIX a súa figura foi recuperada polo simbolismo con figuras coma Odilon Redon. Na tradición oral son abondosos os ditos alusivos ao demo: “A cruz nos peitos e o diaño nos feitos. A demo, demo e medio. Algunha vez di o demo a verdade. A porta pechada, o demo a garda. A quen Deus lle negou fillos o demo aparoulle sobriños. Ben sabe o demo a quen tenta e a besta a quen leva. Cando chove e fai sol anda o demo solto por Ferrol. Cando Deus dá fariña, vén o demo e quítaa. Cando o demo non ten que facer, co rabo torna as moscas. Cando o demo non ten que facer, en algo se ten que entreter. Cando o demo reza, algunha cousa quere. Cando o demo veña á túa porta, non lla peches, entórnalla. Dá o demo en contra da pedra e non sempre a creba. Fariña que trae o demo, logo se volve farelo. Grande é o demo e non hai quen o queira. Máis sabe o demo por ser vello que por ser demo. Non é o demo tan feo como o pinta o medo. Non ha de estar sempre o demo detrás da porta. O demo as arma e o demo as desarma. Ao demo e á muller nunca lles falta qué facer. O demo é vello e o tempo é sabio. O demo ensina a pecar pero non a rezar. O demo non é santo. O demo/lobo, farto de carne, meteuse frade. O demo para facelas, pon a manta, e, para descubrilas, toca a gaita. O home é fogo/lume, a muller é estopa, ven o demo e sopra. O mal gañado lévao o diaño. Ao que co demo traballa, os bois se lle desmandan. O que está de Deus non o leva o demo. O rosario ao pescozo e o demo metido no corpo. Pola porta aberta o demo entra. Por fondo que o demo cave, todo lle sabe. Quen co demo anda, co demo acaba. Se Deus non me quere, o demo me roga. Se o demo nos ha levar, que nos leve en coche. Se ofreces e non das fillo do demo serás! Tanto quere o demo aos fillos que lles arrinca os ollos. Todo vai como o demo quere, mais non cal debía ser. Un demo a outro demo non lle achega os tizóns ao pelello. Un só demo non fai inferno”. -
demo burleiro
Demo que se dedica a facer burlas, especialmente a despistar os viaxeiros e meterlles medo.
-
demo coxo
Demo encargado de recoller as almas dos que morren, aínda que case nunca chega a tempo para executar o seu labor porque é coxo.
-
demo gardián de tesouros
Demo destinado a custodiar os tesouros agochados.
-
demo ramudo
Demo bulreiro de Antas de Ulla. Adopta a forma dun carneiro e aparéceselles aos que andan sós polos camiños de noite. A víctima colle o carneiro, bótao ao lombo e conténtase porque o leva para a casa, pero nese momento o demo búrlase do camiñante.
-
s
m
[ETN]
-
s
m
Persoa que actúa con maldade.
Sinónimos: demoño, diabo, diabro, diaño. -
s
m
Rapaz inquedo e moi traveso.
Ex: Este demo tráeme todo o día detrás del.
-
s
m
[ANIMAL]
Cangrexo pequeno.
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Peixe de corpo alongado e comprimido lateralmente, de ata 30 cm de lonxitude. Posúe unha pel esvaradía, sen escamas, de cor acastañada con barras verticais máis escuras, e cabeza forte e fociño curto. Sobre as fendeduras nasais e os ollos presenta unhas pequenas proliferacións ramallentas de cor vermella ou esbrancuxada, unha soa aleta dorsal que percorre o animal dende a caluga ata o extremo da cola e na metade, nunha zona máis baixa, unha aleta caudal arredondada e aletas pectorais grandes. Non ten vexiga natatoria. Vive en fendas entre os 3 e os 30 m de profundidade e durante o mencer e no solpor desprázase nadando cerca do fondo. Aliméntase fundamentalmente de invertebrados bentónicos. O macho protexe os ovos, dunha ou varias femias, que mantén pegados e limpos fregándoos co ventre, co que fican recubertos de mucosa. Distribúese polo Atlántico, dende as costas de Marrocos ata as de Escocia, e polo Mediterráneo. A carne é pouco apreciada polo home que o pesca con nasas e con cana.
-
s
m
[HERÁLD]
Figura fabulosa representada por un home espido con ás e cola de dragón, cornos e gadoupas e, ás veces, armado cunha forca.
-
demo negro
[ANIMAL/ORNIT]
galiñola negra.
-
Conxunto de individuos dunha poboación que forman un colectivo reprodutor local. É unha subpoboación suficientemente pequena para permitir que se produzan diferencias xenéticas con outras a través do proceso non selectivo de deriva xenética, pero que non está totalmente illada como para impedir o intercambio xénico nin a introdución de variabilidade xenética nova.
Refráns
- Alá vai o demo. revolto despois do sol posto.
- Ben sabe o demo o frangallo que racha.
- Cando o demo non ten que facer, nalgo se ha de entreter.
- Cando o demo veña á túa porta, non lla peches: entórnalla.
- Cando vai torta, o demo a endereita.
- Cando vai torta, o diaño a guía.
- Dá o demo contra a pedra e non sempre a creba.
- Demos mercar e demos vender, pouco negocio pode ser.
- Fariña que trae o demo logo se volve farelo.
- Moitas veces corre máis o diaño cá lebre.
- Non ha de estar sempre o demo detrás da porta.
- O demo as arma e o demo as desarma.
- O demo as tapa e o demo as destapa con tamboril e gaita.
- Ó demo e á muller nunca lles falta que facer.
- O demo é vello e o tempo é sabio.
- O demo ensina a pecar pero non a rezar.
- O demo non é santo.
- O demo tira da manta e todo o destapa.
- Ou a Deus ou ao demo ninguén deixa de servir, se non é que serve a entrambos.
- Todo vai como o demo quer, mais non cal debía ser.