Depósito de espantos

Depósito de espantos
[LIT]

Poemario publicado por Manuel Outeiriño en 1994. Ábrese cunha ilustración de Orfeo morto a paos polas musas e dúas citas de Otero Pedrayo e dos Aeneidos, seguidas dun preámbulo autopoético titulado “Desvío”. O autor elabora unha linguaxe poética innovadora a través da combinación de diferentes niveis lingüísticos, idiomas, así como da alternancia de referencias cotiás con outras pertencentes á mitoloxía greco-romana. No copyright figuran conxuntamente Manuel Outeiriño e Rita la Cantaora. O libro constitúe unha rede multilingüística e multicultural que por medio da ironía e do humor abrangue un amplo abano de rexistros e referencias culturais. Certas expresións máis ou menos lexicalizadas, consolidadas polo uso diario, acadan un valor altamente poético ao inserirse en novos contextos. É unha obra integrada por múltiples discursos que hai que unir; concibido desde o fragmentarismo, parte da idea de que a realidade é unha construción que depende do que se le ou do que se di. Así, da mesma maneira que asume a realidade como un todo caótico, o libro non se concibe como algo acabado senón como un texto que o lector ten que recompoñer. Aposta pola concisión e recorre a procedementos retóricos como a aliteración, o homoteleuto, o calembur ou a paronomasia para agochar os múltiples referentes culturais e ironizar sobre as cuestións máis serias.

Palabras veciñas

depositaría | depositario -ria | depósito | Depósito de espantos | deposto | depravación | depravado -da