Dereita Galeguista de Pontevedra
Formación política xurdida da escisión do Partido Galeguista (PG), composta por X. García Vidal, X. L. Sánchez, D. Caramés, X. Filgueira Valverde, X. Sesto López e X. Martínez Tiscar, asinantes do manifesto que foi presentado no marco da IV Asamblea do PG, o 20 e 21 de abril de 1935, e que foi publicado en A Nosa Terra o 25 de maio de 1935. Os detonantes da escisión foron a entrada dos galeguistas na estrutura da esquerda democrática para conseguir máis votos, tralo fracaso electoral de 1933, e a loita polo liderado hexemónico do galeguismo. A escisión pontevedresa soamente foi seguida por un sector do grupo ourensán (V. Risco, X. Fernández Borrajo, X. A. Varela) e un pequeno grupo na Coruña, liderado por M. Banet Fontenla. O seu programa definiuse pola defensa acérrima do idioma galego, a defensa dos valores espirituais de Galicia, vinculada á defensa do espírito cristián, a idea da democracia política fronte a marxismo e fascismo, a defensa do cooperativismo fronte ao socialismo e capitalismo, e a declaración de autonomismo, sen minguar a soberanía do estado e do republicanismo non federalista.