despotismo

despotismo

(< déspota)

  1. s m

    Calidade ou condición de déspota.

  2. despotismo ilustrado [HIST]

    Forma de goberno, característica das monarquías absolutistas europeas do s XVIII, que empregaron a ideoloxía ilustrada para mellorar as condicións do pobo (educación, sanidade ou cultura), pero mantendo o poder político. Tamén se chama despotismo ministerial, cando exerce o poder o primeiro ministro, despotismo legal, como contraposición a un absolutismo arbitrario. Caracterizouse por un reforzamento do poder real e a aplicación de reformas que melloraban as condicións do pobo, sempre á marxe da súa colaboración política. Entre as melloras incluíanse as reformas nas administracións locais, a abolición de abusos e privilexios da nobreza e do clero, a abolición da tortura e da servidume, a liberdade de comercio e a urbanización e modernización das cidades. Na educación arrebatoulle á Igrexa o seu control e ampliouse a oferta coa creación de numerosos centros educativos, como academias e universidades. Os soberanos máis representativos desta forma de goberno foron Federico II de Prusia, Xosé II de Austria, Catalina II de Rusia e algúns soberanos de estados italianos, como os duques de Parma e de Toscana, e o rei de Nápoles e futuro Carlos III de España. Nos estados onde xa se instalaran o capitalismo e o sistema parlamentario, como o caso británico, non se deu como forma de goberno. Malia as melloras que supuña para o pobo, o despotismo ilustrado rexeitaba a liberdade política, elemento clave da Ilustración, feito que orixinou finalmente unha separación entre os monarcas e os membros da burguesía ilustrada, que desembocou en ciclos revolucionarios.

Palabras veciñas

déspota | despotado | despótico -ca | despotismo | despoxar | despoxo | 1 despracer