determinismo

determinismo

(< determinar)

  1. s m [FILOS]

    Doutrina e sistema filosófico que considera calquera fenómeno como o resultado necesario dun conxunto de circunstancias que poden expresarse e sintetizarse nunha serie de leis universais. Pode establecerse en relación coa orde da natureza ou da conduta humana, sempre ligado ao concepto de necesidade e en contraposición ao da liberdade. A negación da liberdade que comporta todo determinismo pode ser absoluta (determinismo propiamente dito) ou ben atenuada (probabilismo). Os principios deterministas aparecen dende os pensadores da Grecia Clásica e desenvolvéronse na Idade Media co atomismo. Durante a Idade Moderna fundamentouse nas ciencias naturais, polo que adquiriu un carácter marcadamente mecanicista e abstracto, ao tempo que a causalidade se converteu nun valor absoluto, descrito segundo as leis da mecánica. Entre os filósofos que defenderon este principio destaca Bacon, Galileo, Descartes, Newton, Spinoza ou Laplace. Tamén na Idade Moderna xurdiu unha liña coñecida como determinismo metafísico, atribuíble nalgúns aspectos a filósofos como Leibniz, Hume ou Kant. No s XIX, fronte ao determinismo mecanicista, apareceu o materialismo dialéctico. Malia que a problemática do determinismo está estreitamente relacionada co mecanicismo, o atomismo e o fatalismo, estes termos manteñen a súa especificidade. Neste sentido, só se pode falar impropiamente de determinismo en teoloxía para referirse a doutrinas, como as de predeterminación e predestinación, e para aludir a calquera doutrina que negue o libre albedrío.

  2. s m [XEOG]

    Corrente de pensamento xeográfico que tenta explicar os fenómenos e os comportamentos humanos en función da influencia decisiva das condicións naturais. Iniciouse na segunda metade do s XIX con Friedich Ratzel e arraigou fortemente na escola alemana, en contraposición ao posibilismo francés encabezado por Paul Vidal de la Blanche. A influencia dos factores físicos (relevo, clima, etc) ten unha grande importancia segundo as condicións tecnolóxicas, a vontade e a organización de cada lugar. Pódese admitir, polo tanto, que o determinismo é maior ou menor en función do grao de desenvolvemento cultural e tecnolóxico dun grupo humano concreto.

  3. s m [LING]

    Teoría lingüística que, dentro do ámbito do cognitivismo e a relación entre linguaxe e pensamento, defende a idea de que a estrutura da lingua materna dun falante determina o modo en que este pensa e percibe o mundo que o rodea. Formulárona o lingüista norteamericano Edward Sapir e o seu discípulo Benjamin Lee Whorf, partindo da tradición do idealismo romántico de Johann Gottfried Herder e Wilhelm von Humboldt (s XVIII), que lle daba grande importancia á diversidade lingüística. Baseándose nas grandes diferencias existentes entre as linguas (por exemplo, en esquimó existen varias palabras para nomear diferentes tipos de neve fronte ao azteca cunha única forma para ‘frío’, ‘neve’ e ‘xeo’), Sapir establece que a lingua é o medio de expresión dunha sociedade e, como tal, a principal ferramenta de organización conceptual que predispón cara a certas escollas de interpretación. Fronte a esta visión, na que practicamente se identifican lingua e pensamento, polo xeral acéptase unha “versión débil” (weak determinism) que defende que, se ben a lingua materna non determina a forma de pensar, si ten unha certa influencia nas percepcións e recordos. Esta teoría contraponse á teoría do universalismo lingüístico exposta por Noam Chomsky, que defende unha capacidade lingüística innata no ser humano e presupón a existencia de universais gramaticais comúns a todas as linguas.

Palabras veciñas

determinante | determinar | determinativo -va | determinismo | determinista | detersión | detersivo -va