devesa
(
-
s
f
[BOT/XEOG]
Carballeira que pode estar coutada e na que pasta o gando, especialmente cando as condicións dos prados non son as óptimas, como nas horas de maior calor do verán. Este uso provoca cambios na estrutura e composición espontánea do bosque natural, pois orixina un sotobosque máis claro onde predominan as especies menos apetecibles para o gando, como xibardas e acivros, e escasean as herbáceas suculentas.
-
s
f
[BOT/XEOG]
Ecosistema de creación humana, a partir do bosque mediterráneo espontáneo, no que se procura a obtención de pastos para o gando. Para conseguir estes pastos fanse claros no bosque, aínda que se preserva unha cobertura arbórea que oscila entre o 10 e o 14%, e contrólase logo a rexeneración do sotobosque. A devesa constitúe, polo tanto, un ecosistema seminatural sabaniforme, formado por praderías con árbores do xénero Quercus -no que predominan as especies esclerófilas, como a aciñeira e a sobreira, ás que se lles suman, en zonas máis húmidas, os carballos-, e no que existe unha produción simultánea de gando (porcos, vacas e ovellas), caza menor e maior, leña, carbón e cortiza. As árbores presentan unha forma modificada polas podas que se realizan cada 15-20 anos e que buscan da planta unha copa ampla, e outras podas máis leves, cada 5-10 anos, na que se cortan as pólas menos produtivas. O aclarado do arboredo serve para incrementar a radiación solar incidente sobre o chan, feito que favorece a produción de pasto. A densidade media óptima, na que se combinan a produción económica e o valor ecolóxico, é de 50-60 árbores en cada hectárea, aínda que en moitas devesas esta densidade descendeu considerablemente. As árbores manteñen a fertilidade dos pastos e incrementan os nutrientes ao depositaren sobre a superficie substancias extraídas a gran profundidade polas raíces. O microclima de humidade e sombra provoca unha diversificación na presenza de herbáceas e favorece a xerminación e a medra. As devesas producen entre 200 e 740 kg de landras por hectárea ao ano. Constitúen unha importante reserva da diversidade, tanto de flora mediterránea -nos pastos dáse unha alta densidade de plantas con máis de 135 especies/1000 m 2 ou 20 especies/dm 2 -, como de fauna, xa que este ecosistema é fundamental para especies en grave risco de extinción, entre elas as tipicamente ibéricas -como o lince ou a aguia imperial- ou outros que pasan nas devesas unha parte do ano, como os grous. A maioría das devesas localízanse en solos delgados e pobres, sobre lousas e granitos, xa que os máis produtivos se destinan á agricultura, nun contexto climático de veráns secos e calorosos, e invernos fríos e húmidos con precipitacións torrenciais e irregulares, propio dun clima mediterráneo semiárido. Comprenden preto de 2 millóns de hectáreas na Península Ibérica, principalmente no suroeste español, dende a provincia de Salamanca ata Huelva, así como o Alentejo e o Algarve portugués. A devesa ten a súa orixe no establecemento, durante o Imperio romano, de grandes latifundios que aparecen referidos nas leis visigodas como pratum defensum. Este sistema de propiedade da terra fíxase definitivamente na concesión de terras durante a Reconquista cristiá. Ao estar baixo control da nobreza ou da Igrexa, fixo que estes terreos sufrisen en menor medida o cambio de usos forestais a agrícolas, debido ao incremento democráfico que se deu na Península entre os ss XVI e XX. Trala constitución das Cañadas Reais, o rei outorgou o “permiso de defendere”, para valar as fincas e manter así o sistema de pasto e aciñeirais aproveitado polo gando porcino, e controlar os conflitos entre os gandeiros transhumantes da meseta e os habitantes dos concellos. A desamortización supuxo a unificación nun único propietario de varias destas propiedades, co que xurdiron outras de maior tamaño. Trala Guerra Civil, moitas devesas transformáronse en cultivos para tentar paliar a escaseza de alimentos. A mediados do s XX, o aproveitamento das devesas sufriu un revés importante coa aparición da peste porcina africana, o que supuxo o abandono do aproveitamento das landras e a conseguinte corta de aciñeiras con destino madeireiro. O despegue económico da década de 1970 supuxo tamén a mecanización do campo, co conseguinte aumento da superficie agrícola en detrimento da devesa. Algunhas das devesas mellor conservadas obtiveron, a finais do s XX, a consideración de espacios protexidos, como é o caso das de Monfragüe e Cabañeros.