diálogo
(
-
s
m
-
Acción de falar dúas ou máis persoas para intercambiar ideas, sentimentos ou opinións.
Ex: O diálogo entre as dúas veciñas prolongouse toda a mañá.
-
Acción de falar unha con outra dúas ou máis persoas, grupos ou organizacións co fin de chegar á solución de problemas comúns.
Ex: O diálogo mantido entre o goberno e a oposición non foi nada frutífero.
-
-
s
m
[FILOS]
Método filosófico empregado para coñecer a verdade que pon de manifesto unha maneira de pensar non dogmática. Propio do pensamento dialéctico, foi o método filosófico por excelencia entre os gregos; Sócrates foi o seu máximo representante, malia que Platón o continuou e o converteu nunha nova forma literaria.
-
s
m
[LIT]
Obra literaria, xeralmente eran textos satíricos de carácter popular xurdidos a principios do s XIX, moitos deles anónimos, que reproducen unha conversa entre varios interlocutores que opinan sobre determinados temas de actualidade (o enfrontamento entre absolutistas e liberais, a Guerra da Independencia española, o proceso revolucionario que deu lugar á Constitución de 1812) ou sobre os abusos dos poderosos, a corrupción, a Inquisición ou os privilexios do clero. Os autores eran individuos instruídos, educados no racionalismo ilustrado e os máis deles profesaban ideas liberais. En Galicia foi un dos xéneros máis cultivados a principios do s XIX.No tocante á lingua, alternan a miúdo o castelán como rexistro culto e o galego como fala rústica ou popular, marcada polos dialectalismos da zona na que se ambienta. Apareceron en xornais ou como follas soltas fundamentalmente durante os períodos constitucionais de 1812-1814, 1820-1823 e de 1836 ata mediados de século. A primeira mostra deste tipo de literatura foi Proezas de Galicia (explicadas bajo la conversación rústica de los dos compadres Chinto y Mingote) (1810), de Xosé Fernández Neira, con consignas para animar á loita contra os franceses. Posteriormente, apareceron Os rogos dun galego establecido en Londres dedicados aos seus paisanos para abarirlles os ollos sobre certas iñorancias e o demais que verá o curioso lector (1813), Conversación entre los compadres Bértolo y Mingote (1813), asinada polas iniciais R. F., referido ás recentes eleccións para deputados a Cortes; Conversa no adro (1813), de F. R. A., de temática anticlerical; a anónima Tertulia en la Quintana ou Diálogo entre Andruco, Xacobe e Alberte el día de Corpus; Sigue la tertulia en la Quintana, ao segundo diálogo entre los consabidos Andrúco, Xâcobe é Alberte; Diálogo entre Domingos e Farruco, sobre administrasón de xusticia da súa aldea, estas dúas atribuídas a Manuel Acuña e Malvar; e Diálogo entre dos labradores gallegos afligidos, y un abogado instruido, despreocupado y compasivo (1823), de Pedro Boado Sánchez, en que os labregos falan en galego e o avogado en castelán. A terceira reimplantación da Constitución en 1836 abriu unha nova etapa de liberdade de expresión. Os diálogos conservados tratan dos acontecementos políticos máis importantes do momento, como a Guerra Carlista, a rexencia de María Cristina, a exclaustración dos frades, a expulsión dos xesuítas, o comezo da desamortización e outros problemas especificamente galegos. Publicáronse o anónimo Comunicado. Diálogo entre Gorecho e Mingos (1836); a primeira e segunda Tertulia de Picaños (1836) e as tres entregas de Diálogo en la Alameda de Santiago (1836), atribuídos a Vicente Turnes del Río Maldonado. A primeira Tertulia de Picaños critica a corrupción dos funcionarios e recolle os enfrontamentos entre Santiago e A Coruña pola concesión da audiencia xudicial; a segunda parte, Sigue la tertulia de Picaños. Asistentes a ella, los consabidos Vilas, Farruco, Pepe, Andruco, Catuxa, y un abad recién llegado, introduce un crego como defensor do tradicionalismo. No tocante aos Diálogos, o primeiro perdeuse e o segundo (Diálogo 2º en la Alameda de Santiago entre los mismos Cristobo, Farruco, Bartolo, Freitoso, y un cura errante que toma parte en la conversación) e o terceiro (Diálogo 3º en la Alameda de Santiago entre los mismos Cristobo, Farruco, Bartolo, Freitoso, y el cura consabido), introducen de novo un crego, pero esta vez liberal e proconstitucional, que apoia a creación dunha publicación para educar o pobo. Ademais, destacan Tertulia dos Concheiros. Diálogo entre Pascual, Basilio, Alberte y un cura, reprodución dun texto de 1836; A parola de Cacheiras ou Parola que houbo entre Goriño Antelo, Farruco Allende e Antón Terelo a tarde de cuarta feira da outra semana na taberna de Cacheiras, relatada ao pé da letra por un urbano que a oéu agachado tras dunha pipa; o que viña de camiño (1836?); Coloquio na pontella da Chaínza. Encuentro y Coloquio/Que tuveron na pontella da chaínza, cercana á vila de Noya Gurumete, Pedro de Atanasio, e Pepe Alonso, o día 13 de Noviembre de 1836 en que se nombróu naquela Vila o Auntamento Constitusional (1837), sobre eleccións locais. O Pleiteante. Relación que un litigante chamado Farruco, fai ao cura da sua Parroquia, do que lle sucedeu no Tribunal da Cruña ao ano de mil oito centos trinta é sete (1837), no que un labrego refire ao cura o que lle aconteceu nun tribunal da Coruña. Na década seguinte déronse ao prelo Diálogo entre Minguiños e Farruco, labradores y vecinos de sus respecivos lugares y parroquias en el día que se refiere (1842), Diálogos entre Silvestre Cajaraville e Domingo Magariños (1845) e Diego e Cristobo (1851), de Vicente Turnes del Río. Posteriormente, esta fórmula de diálogo utilizouna Valentín Lamas Carvajal no Catecismo do labrego (1889).
-
s
m
[ESPECT]
Conversa entre dous ou máis personaxes, oposto ao monólogo. Tradicionalmente, o diálogo considérase un dos trazos diferenciadores e distintivos da literatura dramática, en tanto que a acción se presenta a si mesma por medio do intercambio verbal, e non se narra, aínda que pode haber un narrador que sempre dialoga co público, cos actores ou cos personaxes. As súas orixes hai que buscalas no teatro grego a partir do momento en que un personaxe, o protagonista, se separa do coro, momento en que tamén cobra especial relevancia o concepto de personaxe, en tanto que persoa diferenciada fronte á comunidade, representada polo coro.
Ex: As obras teatrais son as que máis diálogo presentan.
-
s
m
[MÚS]
Composición vogal dos ss XVI e XVII na que alternan dúas voces, que poden presentar a forma de diálogo.