Diálogos
Agrupación de vinte e oito obras de Platón, consideradas auténticas, que adoptan a forma de diálogos como lembranza das conversas de Sócrates. É unha especie de conversa sen mestre co fin de permitir os participantes reconciliar o seu discurso coa verdade. Adóitase facer unha tripla clasificación dos diálogos platónicos entre diálogos de mocidade, de madurez e da vellez. Os pertencentes ao primeiro grupo escribiunos antes de comezar as súas viaxes (390 a C) e son propiamente socráticos, pois representan o intento de Platón de comunicar a filosofía e o estilo dialéctico de Sócrates. Algúns deles comparten un mesmo argumento: Sócrates está con alguén que se presenta coma un sabio e despois de manifestarlle a súa ignorancia pídelle axuda. Non obstante , segundo Sócrates vai formulando preguntas, faise patente a falta de coñecementos do que se definiu como sabio, fronte ao que Sócrates aparece como o máis sabio dos dous personaxes pois, polo menos, sabe que non sabe nada. Ese coñecemento é o principio da sabedoría. Entre os diálogos socráticos inclúense: Hipias menor (sobre a mentira), Hipias maior (sobre o belo), Ion (sobre a Ilíada), Protágoras (sobre os sofistas, no que defende a tese de que a virtude é coñecemento e se pode aprender), Apoloxía de Sócrates (sobre a defensa que Sócrates fixo de si mesmo no xuízo que o levou á morte), Critón (do deber), Alcibíades (da natureza do home), Cármides (sobre a sabedoría), Laques (da coraxe), Lisis (da amizade), Eutifrón (sobre a piedade), Gorgias (da retórica, na que reflexiona sobre distintas cuestións éticas) e o libro primeiro da República, que antes de constituír o prefacio da obra foi diálogo independente titulado Trasímaco e presenta unha discusión sobre a xustiza. O segundo grupo integra os diálogos de madurez, que reflicten a súa evolución filosófica vinculada ao seu ensino na Academia, malia que Sócrates seguiu sendo o personaxe principal de moitas das obras. Presenta como data límite a segunda estancia de Platón en Siracusa (361 a C) e está integrado por Menexeno (sobre a oración fúnebre), Menón (sobre a virtude), Eutidemo (da erística), Cratilo (sobre a xusteza dos nomes), Banquete (do amor), Fedón (da alma), República (da xustiza), Fedro (sobre a beleza), Teeto (da ciencia) e Parménides (sobre as ideas, onde realiza unha avaliación crítica da teoría das ideas). Entre os traballos do período de vellez aparecen: Sofista (sobre o ser), Político (da realeza), Timeo (da natureza, no que aparecen as principais ideas de Platón sobre as ciencias naturais e a cosmoloxía), Critias (sobre a Atlántida, que non rematou), Filebo (sobre o pracer, no que presenta unha discusión sobre a relación entre o pracer e o ben) e Leis (sobre a lexislación).