Diario 16 de Galicia
Xornal de información xeral que apareceu en Vigo o 24 de xuño de 1989, editado polo Grupo 16. Deixou de publicarse en 1994. Dirixido por Segundo Mariño, nas súas páxinas de opinión incluíronse algúns textos en galego de diversos escritores e intelectuais galegos. Acompañando o xornal editou os suplementos Biosfera, Coñecementos, Cuadernos, Culturas, Dossier 16, As Economías, El Figaro Magazine, Galicia mariñeira, Gente, Libros, Náutica y Golf, Saúde, Terra e Toda unha vida. No apartado cultural inseriu os suplementos semanais Artistas e Galicia literaria. Este último estaba dirixido por Manuel Forcadela e Xosé R. Pena. Contou coa colaboración de numerosos investigadores das letras galegas, que trataban aspectos relacionados coa crítica literaria, a literatura de viaxes, o ensino da literatura, os clásicos, o vangardismo, os premios literarios, etc. Incluíronse ademais algunhas entrevistas a persoeiros da cultura e das letras de Galicia e, á parte, unha análise biobibliográfica de autores estranxeiros. Entre 1991 e 1992 publicou unha Biblioteca de Autores Galegos con noventa títulos de autores clásicos e modernos.