Directorio 1
Sistema de goberno francés que se constituíu trala aprobación da Constitución do ano III (setembro de 1795). Esta constitución, que deu nome ao período da historia de Francia comprendido entre o 4 de brumario do ano IV (26.10.1795) e o golpe de estado de Napoleón Bonaparte do 18 de brumario do ano VIII (9.11.1799), creou unha república dirixida pola burguesía comercial. A Constitución reduciu o número de electores e dividiu o lexislativo en dúas asembleas: o Consello dos Cincocentos e o Consello dos Anciáns, que elixían o Directorio. Este representaba o poder executivo e contaba con cinco membros, elixidos por un período de cinco anos. Entre as atribucións do Directorio estaban as de nomear os ministros, dirixir a administración, a diplomacia, o exército e a policía.