dislexia

dislexia

(< 2 dis- +gr λέξις  ‘falaou dicción’)

s f [PAT]

Dificultade da aprendizaxe da lectura e da escritura debida a causas neuroxenéticas, a inmadurez do sistema nervioso central, a erros pedagóxicos ou a trastornos afectivos. As dificultades que se observan na lectura e escritura do neno disléxico, así como as súas deficiencias perceptivas e motrices, son as mesmas polas que atravesa o neno normal, de forma transitoria, mentres está medrando e aprendendo; só que no disléxico perdura máis do usual. Os nenos con dislexia poden presentar problemas en: confusión de letras de simetría oposta, tales como o b polo d ou o p; confusión de letras parecidas en sons; confusión de letras parecidas no seu punto de articulación; alteracións na secuencia das letras que forman as sílabas e as palabras; erros ortográficos confudindo letras que corresponden a un mesmo fonema; confusión de palabras parecidas ou opostas no seu significado; erros na separación de palabras; falta de rapidez ao ler e carencia de modulación e ritmo; falta de comprensión na lectura; dificultade no trazo de letras; fallas na construción gramatical da redacción espontánea ou redacción por debaixo do seu nivel escolar; e dificultade para realizar operacións aritméticas e comprensión da estrutura numérica. É importante que se realicen valoracións neuropsicolóxicas e pedagóxicas para diagnosticar este problema, xa que mediante estes estudios se detectarán as áreas con maiores dificultades para poder establecer así un programa de adestramento para habilitar os procesos de lectura e escritura.