división

división

(< lat divisĭōne)

    1. s f

      Acción e efecto de dividir ou dividirse.

      Ex: A división do eido desencadeou a inimizade dos irmáns. A diferenza de opinións provocou a división.

    2. s f [MAT]

      Operación aritmética, inversa á multiplicación, que consiste, dados os números a (o dividendo) e b (o divisor), en localizar un número c (o cociente), de maneira que o produto b´c sexa igual a a. A división é exacta se existe tal número c, e é inexacta se se poden encontrar dous números d e e de maneira que a=bd+e, onde d é o cociente e e o residuo ou o resto.

    3. división de leira enfitéutica [DER]

      Partición da totalidade dunha leira gravada cun censo enfitéutico en dúas porcións polo menos, que formarán cadansúa leira nova e independente; e posterior división do gravame enfitéutico entre as novas leiras resultantes.

    4. división do traballo [ECON]

      Especialización das unidades económicas nunha tarefa determinada que constitúe unha parte do proceso produtivo completo. Segundo Adam Smith, a división do traballo apareceu como consecuencia do aumento no tamaño dos mercados e do crecemento derivado das unidades de produción. Este autor definiuna como unha das variables máis importantes para determinar a produtividade laboral, ao xerar unha maior habilidade en cada un dos traballadores, aforrar tempo e favorecer o traballo coas máquinas. Para K. Marx trataríase dun proceso no que, dentro dun sistema único de produción social, existen distintas especies de traballo que se condicionan mutuamente. Esta división caracteriza o grao do desenvolvemento das forzas produtivas e, asemade, provoca un incremento da produtividade no traballo que facilita a mellora e as modificacións das relacións de produción. A esencia da división comunista do traballo radica nunha combinación rigorosa da especialización coa posesión de coñecementos e habilidades polifacéticas, coa posibilidade de elixir libremente o traballo e poder cambialo periodicamente. Dentro do fenómeno económico da división do traballo, poden distinguirse dúas variantes fundamentais: a división técnica, que se produce de xeito habitual dentro da industria e supón que ningún dos traballadores se responsabiliza do produto, pois cada un deles se ocupa dunha parte concreta do proceso; e a división social, que supón un reparto das tarefas que as distintas persoas desempeñan na sociedade en función da posición que ocupan dentro dela. A partir da década de 1970, as compañías multinacionais, dentro do proceso de globalización, estenderon as súas operacións a países do Terceiro Mundo buscando un descenso nos custos de produción. Nestes novos centros de produción realizábanse procesos de fabricación básicos e rutineiros, caracterizados por uns baixos niveis de habilidade, mentres que outros departamentos, como os de investigación, deseño ou desenvolvemento, caraterizados polo emprego da tecnoloxía, permanecen nos países desenvolvidos. Este traslado definiuse como unha nova división do traballo no ámbito internacional e viuse facilitado polas novas tecnoloxías e as melloras no transporte. Durante as décadas dos oitenta e dos noventa, o fenómeno da globalización subliñou a existencia de diferentes sistemas económicos e distintos niveis de desenvolvemento na economía mundial. Configurouse deste xeito unha división internacional do traballo na que os distintos países se especializan nunha ou varias partes concretas dos diversos procesos produtivos, e que permite un importante desenvolvemento para os países máis ricos, aínda que orixina un empobrecemento progresivo dos menos desenvolvidos.

    5. división harmónica [MAT]

      Conxunto de dúas parellas de puntos A,B e C,D dunha mesma recta, tales que os dous puntos dunha mesma parella dividen o segmento formado polos outros dous puntos nas razóns opostas AC/AD = BC/BD. Cada punto desta división denomínase conxugado harmónico do seu asociado respecto aos outros dous.

  1. s f
    1. Cada unha das partes ou grupos nos que se divide algo.

    2. [BOT]

      Categoría sistemática, sinónima de filo, empregada nos vexetais, na que se dividen os reinos e que agrupa as clases.

    3. [BIOL]

      Clasificación dos seres vivos en categorías sistemáticas.

    4. [DEP]

      Conxunto de equipos que participan nun campionato deportivo estruturado de xeito xerárquico (sen que esta xerarquización se basee en criterios de idade ou sexo), ben en función de méritos deportivos contraídos con anterioridade, ben porque, sen reuniren eses requisitos, cumpren outras condicións (normalmente económicas) requiridas na regulamentación.

    5. [XEOG]

      Cada unha das partes nas que se estrutura o territorio dun Estado co fin de facilitar as funcións administrativas.

    6. [XEOG]

      Circunscrición administrativa de primeira orde en Bangladesh, Gambia e Xamaica.

    7. [BÉL]

      Unidade militar fundamental da manobra táctica, constituída por unidades das diversas armas e servicios, que dispón de capacidade loxística propia para actuar de forma independente ou que serve de base para formar outras grandes unidades superiores (corpo do exército e exército). Adoita estar formada por dúas ou tres brigadas de infantería, un rexemento de cabalería acoirazada, un batallón de zapadores e outro de transmisións, e unidades de servicios (transporte, intendencia, sanidade, etc). Os seus efectivos comprenden entre uns 12.000 e 20.000 soldados e poden clasificarse en diversos tipos. Por unha banda, a división de infantería está equipada para o combate en calquera clase de condicións e nela destacan os continxentes de infantería dotados dun equipo suplementario como a radio. Esta división de tipo máis xeral, nunha progresiva especialización de funcións ou ben na adaptación a medios específicos, deu lugar, entre outras, a divisións de paracaidistas, de montaña e motorizadas. Por outro banda, denomínase división acoirazada aquela na que os tanques constitúen o medio fundamental de acción, en detrimento da infantería. As outras unidades adáptanse para a cooperación con tanques e dótanse de vehículos e materiais blindados de mobilidade semellante a estes. Un tipo especial é a división aerotransportada, habilitada para ser mobilizada por aire e utilizada xeralmente en misións que non poden executar as divisións normais. A división quedou definida como unha unidade de combate a partir das guerras nacidas da Revolución Francesa. Durante a Guerra Civil española, o nome da división consolidouse nos dous exércitos dende a batalla de Brunete, aínda que, dada a falta de efectivos, eran incompletas ou, como no exército republicano, a cabalería formaba unha unidade independente á marxe da división.

  2. [BIOL]
    1. s f

      Tipo de reprodución asexual ou agámica pola que un individuo pode dar orixe a dous (división binaria) ou varios individuos (división múltiple).

    2. división celular

      Proceso de multiplicación da célula en dúas células fillas. A multiplicación do núcleo pode ser por división indirecta (mitose) ou, máis raramente, directa (amitose).

    3. división ecuacional/homeotípica

      Segunda división da meiose.

    4. división esquizogónica

      esquizogonia.

    5. división esquizoxenética

      esquizoxénese.

    6. división meiótica

      meiose.

    7. división reduccional/heterotípica

      Primeira división da meiose.

    8. división semiheterotípica

      Primeira división da meiose cando, a causa do aparellamento defectuoso dos cromosomas, se crea un núcleo de restitución.

  3. s f
    1. Aquilo que serve para dividir.

      Ex: Fixo a división do estante con táboas de castaño.

    2. [GRÁF]

      Pequena raia que se coloca ao final da liña cando hai que dividir unha palabra que non cabe enteira.

      Confrontacións: guión, trazo.
  4. s f

    Desavinza ou desacordo entre un grupo de persoas.

    Confrontacións: desunión, discordia.
  5. s f [XEOG]

    Cada un dos sinais equidistantes marcados sobre unha escala graduada.

  6. división de poderes [POLÍT]

    Teoría que busca o equilibrio entre os poderes, baseada na separación destes e no control mutuo. Concibírona os pensadores ingleses do s XVII como medio para limitar o poder do monarca e promover a liberdade do individuo. Montesquieu reformulou a teoría no s XVIII e estableceu o esquema clásico de división en tres poderes: lexislativo, executivo e xudicial. Os estados liberaldemocráticos contemporáneos consideran a separación de poderes como a garantía do respecto ás liberdades individuais.

Refráns

  • Bens divididos, bens perdidos.
  • Onde vires división só esperes perdición.
  • t Mar que se parte, regueiro se fai.