documento

documento

(< lat docŭmĕnto)

    1. s m

      Fonte de datos, de calquera tipo, recuperables no tempo e no espacio. Na diplomática clásica, a noción de documento coincidía coa do termo diploma, que tiña un contido fundamentalmente xurídico. Na arquivística, son fontes de información que constitúen o fondo dun arquivo. Na súa orixe, o termo limitábase ás fontes escritas, pero ampliouse ata englobar diferentes tipoloxías documentais, dende os diplomas carolinxios, pasando polos libros e as cintas de vídeo, ata os CD-ROM. Nos centros de documentación e bibliotecas, compoñen a información rexistrada que se considera unha unidade nun proceso de documentación. A súa clasificación ten en conta diversos criterios: segundo a natureza do soporte, distínguese entre documentos en papel, en soportes magnéticos e ópticos; segundo o código empregado na mensaxe, diferénciase entre textuais, gráficos, iconográficos, sonoros, audiovisuais, tridimensionais, informáticos e multimedia; segundo o seu rigor científico, divídense en científicos, técnicos e de divulgación; en función da súa temática, poden ser, entre outros, económicos, políticos e xurídicos; segundo o tratamento ao que se somete a mensaxe, considéranse primarios, secundarios ou terciarios; e dependendo da súa capacidade de difusión, clasifícanse como públicos, inéditos, reservados ou persoais.

    2. documento primario

      Fonte de datos que contén información orixinal e reflicte os resultados directos da investigación. Poden presentarse baixo diversas formas: libros, publicacións periódicas, informes, actas de congresos, patentes, traducións, normas, teses e outros traballos académicos.

    3. documento secundario

      Fonte de datos que resulta do procesamento lóxico e analítico-sintético dos documentos primarios, sobre os que informa. Aparece en forma de boletíns, de resumos, de sumarios e de índices, bibliografías, catálogos de bibliotecas e catálogos colectivos.

    1. s m [DER]

      Escritura que expresa declaracións de vontade positivas ou negativas, ou ben, feitos e dereitos. Os documentos poden ser públicos, que son os que foron autorizados por un notario, un xuíz ou un funcionario público competente, coas solemnidades requiridas pola lei; ou privados, cando soamente foron asinados polos interesados, con ou sen testemuñas. Os documentos públicos poden ser notariais, nos que se inclúen as actas e testemuños, xudiciais, que se integran polas sentencias, autos, providencias e mandamentos, e administrativos, que comprenden os decretos, acordos, ordes e resolucións de calquera autoridade pública. Os documentos privados téñense por eficaces cando a parte a quen prexudique os recoñeza como lexítimos ou deixe transcorrer o prazo establecido de impugnación. Os documentos poden ser expresados en linguaxe natural, convencional ou en calquera outra expresión gráfica, sonora ou en imaxe recollida en calquera tipo de soporte material, incluídos os informáticos.

    2. documento auténtico [DER]

      Documento expedido pola autoridade ou funcionario competente no exercicio das súas funcións e que dá fe por el mesmo.

    3. documento constitutivo [DER]

      Documento que recoñece, reproduce ou renova un negocio xurídico.

    4. documento declarativo [DER]

      Documento que constata a situación á que se refire o mesmo documento.

    5. documento de crédito [DER]

      Documento que lle outorga ao posuidor lexítimo o dereito de obter a prestación que vai contida nel.

    6. documento pontificio / [DER/RELIX]

      Escrito oficial procedente do papa. Polo seu tipo poden ser: constitución apostólica, motu propio, carta encíclica, carta apostólica, bula, exhortación apostólica, epístola encíclica, decreto e rescrito.

Refráns

  • A muller e ao papel todo lles has de ver.
  • Antes de contar, escribe e, antes de firmar, recibe.
  • Calen barbas e falen cartas.
  • Falen cartas e calen barbas.
  • O papel é moi sufrido e moi calado.
  • O papel non se debe romper.
  • O papel pode con todo.
  • O papel rexe todo.
  • O papel terma de todo.
  • O papel terma do que lle poñen.
  • O papel terma do que se que ira escribir nel.
  • O papel todo o consente.
  • O papel, que se rompa el.
  • Onde hai cartas, calan barbas.
  • Onde hai papel calan barbas.
  • Papel e tinta diñeiro custa.